As actividades de dinamización xuvenil na comarca da Mariña perciben unha achega de 35.000 euros
A delegada territorial, Raquel Arias, visitou hoxe o concello de Barreiros e mantivo unha xuntanza co alcalde, Alfonso Fuente, e cos técnicos da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) para valorar as medidas de apoio ás actividades de dinamización xuvenil sufragadas pola Xunta de Galicia.
A OMIX de Barreiros prestou atención durante o último semestre a preto de 2.500 persoas (2.492 usuarios), colaborando activamente en campañas de difusión da Dirección Xeral de Xuventude e cooperando tamén cos colexios no remate de curso e en iniciativas promovidas polos propios veciños de Barreiros –campaña de loita contra o cancro, a aula CEMIT e o centro sociocomunitario de Ribadeo.
No tocante ás axudas, Arias expuxo que a Consellería de Traballo e Benestar achegou 35.556 euros aos concellos da comarca da Mariña para a realización de actividades dirixidas á xuventude, así como para a promoción da información xuvenil e a incorporación dos mozos ás novas tecnoloxías.
O obxectivo destas axudas, segundo explicou a delegada, é “fomentar as actividades formativas e educativas no ámbito do ocio e tempo libre, así como o asociacionismo xuvenil e a utilización das novas tecnoloxías da comunicación por parte da xuventude de cada zona”.
Ao mesmo tempo, engadiu a delegada, esta medida pretende “potenciar os servizos municipais de información xuvenil integrados na Rede galega de información xuvenil”. Esta rede coordina os esforzos e iniciativas en materia de xuventude promovidos tanto por organismos privados como por organismo públicos, de xeito que “se aproveiten as sinerxías para chegar ao maior número de mozas e mozos con iniciativas interesantes dende o punto de vista social e cultural”, apuntou Arias.
Con esta liña de subvencións, a Xunta sufraga os custos derivados do normal funcionamento dun servizo de información xuvenil, así como as actividades de dinamización da información que se leven a cabo desde este. Igualmente, os concellos poden acometer actividades formativas e educativas, relacionadas coa creación xuvenil, programas de información e asesoramento, ocio e tempo libre e, en xeral, todas aquelas actividades relacionadas co fomento da participación e o asociacionismo xuvenil, todas elas destinadas á mocidade de idades comprendidas entre os 12 e os 35 anos.
Obras teatrais en Barreiros
No caso de Barreiros, a colaboración por parte do departamento de Traballo e Benestar promoveu a realización de dúas obras de teatro por parte dos grupos A Maseira e A Adala, actuacións de maxia e un monólogo de Ramón Ángel Ares.
Ademais, dende a área de Xuventude de Barreiros impulsouse tamén unha charla-obradoiro sobre entrevistas de traballo na que participaron preto de 25 mozos e maiores. Do mesmo xeito, tamén se veñen realizando obradoiros de lectura, de técnicas de relaxación e concursos de debuxo e narración.