Arrancan os traballos de acondicionamento de praia de Riazor

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
E.P.

Os traballos de acondicionamento da area da praia de Riazor, na Coruña, arrancarán este luns para solucionar os danos causados polos últimos temporais na zona, tal e como informou o Concello da cidade.

En concreto, a actuación, avalada polos técnicos municipais e de Demarcación de Costas do Estado en Galicia, ten como principal labor evitar a invasión de area nos viais e zonas peonís do paseo marítimo. Así, este novo perfil provisional na praia estará colocado ata o mes de maio, cando se prepare a praia para garantir unhas óptimas condicións de uso durante o verán.

Deste modo, os traballos consistirán en separar a area amontoada polos temporais a unha media de 10 metros da liña do paseo marítimo, creando un espigón de area provisional a cota máis alta da cal coincidirá precisamente coa cota do paseo.

Entre o novo perfil de area e o paseo marítimo, que estarán separados por 10 metros de lonxitude, a area terá unha profundidade que vai dende un metro na zona da praza de Portugal e a avenida de Bos Aires ata os 1,5 metros xunto á Coraza. A previsión é que os traballos que arrancan mañá poidan rematarse, aproximadamente, nunha semana.

24 de febreiro de 2014 | 10:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.