Apróbase o expediente de ocupación dos terreos afectados pola obra da depuradora de Vigo
O Consello da Xunta aprobou, na súa reunión de hoxe, o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polas obras do emisario submarino da Estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Lagares, en Vigo.
Estes traballos construtivos son a última actuación a acometer para finalizar a construción das infraestruturas hidráulicas para a mellora do saneamento e da ría da cidade viguesa, e que inclúen, ademais do emisario, a construción da nova EDAR de Lagares e a ampliación da acometida eléctrica para esta.
A nova infraestrutura está financiada polo Estado e a Xunta de Galicia, en terreos cedidos polo concello de Vigo. O Goberno autonómico asume no convenio de colaboración a obriga de tramitar os procedementos expropiatorios necesarios; a súa vez, a sociedade estatal Acuaes ten a condición de beneficiaria, de modo que dispón dos terreos para poder executar as obras.
En outubro do ano 2010 declarouse a utilidade pública e dispúxose a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polas obras de ampliación e modernización da estación depuradora de Lagares, pero no dito decreto non foron incluídos os bens e dereitos necesarios para a execución das obras referidas ao emisario da dita planta que resulta imprescindible para finalizar a EDAR, motivo polo que se procede agora á aprobación deste decreto.
As expropiacións que se necesitan levar a cabo para a execución do emisario implican dous tipos de ocupacións: unha temporal con terreos dos que será necesario dispoñer durante o período de execución das obras e despois serán devoltos aos seus propietarios (3.942 metros cadrados), e outra de servidume permanente en terreos polos que pasarán conducións pero que seguirán pertencendo aos seus propietarios orixinais (1.576 metros cadrados).
Por isto, debido a que non hai expropiacións totais e permanentes, o custo de expropiación é de 9.379 euros.
Convenio para a mellora do saneamento de Vigo
O 2 de agosto do ano 2010, a sociedade estatal Acuanorte (na actualidade Acuaes), a Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia e o Concello de Vigo, asinaron o convenio de colaboración para a execución das obras da EDAR de Lagares, valorado en máis de 245 millóns de euros dos cales o Goberno autonómico achega preto do 50% (121,71 millóns de euros).
Trátase do investimento en obra hidráulica máis importante da Xunta de Galicia na súa historia e a grande obra de referencia en depuración hoxe en España.
A finalidade deste convenio é mellorar a calidade das augas da Ría de Vigo, na súa consideración como unidade socioeconómica ao ser fonte de grande riqueza marisqueira, a través do desenvolvemento de:
– A Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), para máis de 800.000 habitantes: a día de hoxe estase comezando coa explotación da depuradora provisional, e estase baleirando a antiga depuradora para comezar a súa depuración.
– O novo emisario submarino para un caudal de 8 m³/s
– Unha nova acometida eléctrica á depuradora, en alta tensión.
Descrición das obras do emisario
A construción do emisario é parte esencial do sistema de saneamento do Lagares. Cunha lonxitude total de 3.792 metros, está formado polos seguintes elementos:
– Nunha mesma estrutura de formigón armado dentro da parcela da EDAR intégranse a arqueta de chegada que recibe a auga tratada procedente da depuradora e os pozos de bombeo para un caudal máximo de 8 m3/s.
– Unha arqueta no aparcamento da praia de Samil que servirá de punto de inspección.
– Un tramo terrestre do emisario submarino subdividido en dous treitos diferenciados.
– Un tramo submarino do emisario.
– Un tramo difusor ao final que terá capacidade para verter un caudal de 8 m3/s.
No mes de marzo está previsto iniciar os traballos a través da UTE Dragados – Drace, cun investimento de 14,8 millóns de euros.











