Apertura do prazo para solicitar praza nas 25 escolas infantís da Galiña Azul en Ourense
O prazo para a solicitar praza nas 25 escolas infantís que a Rede Galiña Azul ten na provincia de Ourense está aberto ata o día 21 de marzo inclusive. O Diario Oficial de Galicia publicou o pasado venres os requisitos e procedementos para solicitar as prazas. A resolución cos prazos e o lugar de presentación das instancias poderá consultarse a través da web www.escolasinfantís.net ou no propio centro, onde se queira matricular ao neno ou nena.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, informou en rolda de prensa da tramitación destas solicitudes e salientou o esforzo do Goberno galego para incrementar a oferta de prazas nestas escolas infantís. “A aposta da Xunta de Galicia pola creación de prazas en escolas infantís é clara, xa que vén traballando nestes últimos anos no obxectivo de achegar ás familias galegas á conciliación da vida persoal e familiar, proporcionando, ao mesmo tempo, aos usuarios desas escolas un entorno de calidade nos seus primeiros anos de vida”, asegurou.
Segundo se sinala no devandito anuncio do DOG, o prazo para a presentación de solicitudes de renovación de praza ou de novo ingreso será dende o 22 de febreiro ata o 21 de marzo inclusive, as listas provisionais de admitidos publicaranse o día 2 de maio e as listas definitivas, o día 27 de maio. O prazo para formalizar a matrícula dos nenos e nenas admitidos será dende o 28 de maio ata o 10 de xuño, ambos os dous incluídos. O curso comezará o 4 de setembro.
A oferta total da Xunta para o curso 2014/15 ascende a 8.750 prazas en 148 escolas infantís. Rogelio Martínez apuntou que na provincia de Ourense, a oferta nas escolas infantís da Xunta cífrase en 1.109 prazas, o que supón o incremento dun 13,16 % (146 prazas) dende o ano 2009.
Prazas en planificación
Ademais, a planificación da Consellería de Traballo e Benestar prevé continuar incrementando esa oferta pública durante a presente lexislatura. Neste senso, na provincia de Ourense xa están planificadas tres novas escolas que suporán a creación 197 novas prazas. Estas novas escolas infantís construíranse nos concellos de Verín, O Carballiño e na cidade, esta última promovida pola Fundación Amancio Ortega.
Na provincia funcionan un total 25 escolas infantís que se emprazan nos concellos de A Bola, A Merca, A Pobra de Trives, A Rúa, Allariz, Bande, Cartelle, Castro Caldelas, Coles, Nogueira de Ramuín, O Carballiño, Oímbra, Pereiro de Aguiar, Ribadavia, Toén, Viana do Bolo, Vilamarín, Vilamartín de Valdeorras, Xinzo de Limia, Xunqueira de Ambía, e 5 na cidade das Burgas –Antela, Barrocás, Covadonga, Farixa e Rúa Colón-.
Novidades no procedemento
A orde que regula o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís inclúe algunhas novidades. Así por exemplo, no baremo para nenos e nenas que solicitan praza por primeira vez nunha escola a puntuación outorgada a cada pai e nai en situación laboral de ocupación increméntase, pasando de 5 a 6 puntos. É preciso lembrar que xa o ano pasado este baremo incrementouse nun punto.
Tamén no que respecta ao baremo, outorgaránselle, como novidade, 3 puntos aos beneficiarios dunha Renda de Integración Social de Galicia (RISGA) que se atopen no tramo de inserción, co fin de dar cumprimento á Lei de Inclusión Social de Galicia, que entrou en vigor en xaneiro deste ano e co obxectivo fundamental de facilitar a vida laboral e familiar ás persoas perceptoras de RISGA.
Así mesmo, as familias cunha renda pér cápita igual ou inferior aos 7.500 euros anuais beneficiaranse dunha exención total de cota a partir do segundo fillo que acuda á mesma escola infantil.
Destacar tamén que se inclúe o suposto de enfermidade grave para xustificar a necesidade de que un neno ou nena asista á escola infantil en periodos en que os centros permanecen pechados. Ata agora a xustificación desa necesidade era unicamente por motivos laborais.
Fóra de prazo e cheque infantil
Ademais, e ao igual que o ano pasado, as solicitudes presentadas fóra de prazo con xustificación admitiranse ata a data anterior á publicación da relación provisional de admitidos (2 de maio) co fin de concretar e unificar prazos en toda Galicia.
A documentación para optar a cheque infantil presentarase coa solicitude de praza nas escolas, como xa se fixo o ano pasado co propósito de axilizar a tramitación do mesmo.











