Apertura do prazo para preinscribirse nos cursos de lingua galega (Celga)
Desde o Concello de Cangas infórmase de que xa está aberto o prazo para preinscribirse nos cursos preparatorios para a obtención dos Certificados de Lingua Galega (CELGA) que ten previsto organizar o Concello de Cangas en coordinación coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. O cursos son gratuítos, e as listaxes de alumnos elaboraranse segundo a orde de preinscrición, rematando o prazo o 21 de febreiro. Coa posta en marcha destas accións formativas procúrase que tódalas persoas que o desexen podan tomar contacto ou perfeccionar os seus coñecementos en lingua galega, mellorando así as súas competencias lingüísticas, á vez que amplían o seu currículo académico e profesional cara á súa inserción no mercado de traballo. De feito, a obtención dun CELGA permite certificar un coñecemento de galego a efectos de requisitos académicos e laborais (convocatorias, concursos, etc.). Para obter o certificado dun determinado nivel é necesario aprobar a correspondente proba (escrita e oral) que convoca a Xunta de Galicia, unha para cada un dos 4 niveis. Para preinscribirse nos cursos ou solicitar asesoramento: Centro Municipal de Formación CASA DE OFICIOS “LORENZO CORBACHO” , Avda. de Bueu, 15, entresollado. TEL. 986 304650 (preferentemente en horario de 10:00 a 12:00).











