Apertura do prazo para formalizar as solicitudes de admisión nas escolas infantís de Teo
A concellaría de Benestar Social do Concello de Teo, dirixida por Ignacio Iglesias, informa que no mes de marzo se tramitarán as solicitudes de renovación de praza e admisión nas escolas infantís municipais de Calo, Os Tilos e A Ramallosa. Para as persoas que pidan praza por primeira vez ou queiran coñecer o procedemento convócase unha reunión informativa o 5 de marzo ás 19:30 horas no salón de plenos. Esta reunión está pensada para solventar as dúbidas sobre todo das familias de novo ingreso aínda que é aberta.
Na primeira quincena de marzo, concretamente entre o sábado 1 e o sábado 15 de marzo ambos incluídos, tramitarase a reserva de praza. Trátase do alumnado que xa asiste ao centro neste curso 2013/14 e que está empadroado en Teo. As solicitudes de reserva de praza hai que entregalas no Rexistro Xeral do Concello de luns a venres de 08:00 a 14:00 horas ou o sábado de 09:00 a 13:00 horas. As solicitudes de novo ingreso pódense recoller nas propias escolas, nas oficinas xerais do Concello ou descargar da web municipal.
As solicitudes de novo ingreso, alumnado que accede por primeira vez á EIM ou aquel que tendo praza neste curso non está empadroado no Concello, deben entregar a solicitude e a documentación requerida entre os días 17 e 31 de marzo, ambos incluídos. Dende Benestar inciden na importancia de respetar os prazos de preinscrición e matrícula xa que se trata dun servizo cunha alta demanda.
Nos impresos de solicitude especifícase a documentación que hai que achegar. Cabe destacar que para axilizar o trámite se agradece que se traian xa as copias feitas cando se entregue a solicitude no Rexistro do Concello.
Despois de rematar o prazo de admisión haberá un período de baremación e publicaranse unhas listaxes provisionais ó redor do 17 de abril que terán un período de subsanación de documentación. Unha vez publicadas de xeito definitivo abrirase o período de matriculación, previsiblemente na primeira quincena de xuño.
Dende os Servizos Sociais municipais destacan que se pode solicitar información sobre este procedemento de acceso de luns a venres en horario de 10:00 a 14:00 horas.











