Apertura do prazo de matrícula nas 52 escolas infantís na provincia da Coruña
O prazo para a presentación de solicitudes nas escolas infantís A Galiña Azul está aberto ata o día 21 de marzo inclusive. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Roberto Rodríguez, e a delegada territorial da Xunta en A Coruña, Belén Do Campo, informaron hoxe en roda de prensa da publicación o pasado venres no Diario Oficial de Galicia (DOG) dos requisitos e procedementos para a solicitude de prazas. A resolución cos prazos e o lugar de presentación das instancias pode consultarse a través da web www.escolasinfantis.net ou no propio centro, onde se queira matricular o neno ou nena.
Segundo se sinala no devandito anuncio do DOG, o prazo para a presentación de solicitudes de renovación de praza ou de novo ingreso será dende o 22 de febreiro ata o 21 de marzo inclusive, as listas provisionais de admitidos publicaranse o día 2 de maio e as listas definitivas, o día 27 de maio. O prazo para formalizar a matrícula dos nenos e nenas admitidos será dende o 28 de maio ata o 10 de xuño, ambos os dous incluídos. O curso comezará o 4 de setembro.
A rede A Galiña Azul inclúe na súa oferta para o curso 2014/15 unha nova escola infantil de 82 prazas en Ferrol, construída no marco dun convenio coa Fundación Amancio Ortega, para a que se fixará unha data de apertura propia no mes de setembro unha vez que se realicen entrevistas cos pais e nais. Inclúe tamén 41 novas prazas na escola infantil da Laracha, que tras unhas obras de ampliación pasará das 74 prazas actuais ás 115 o próximo curso.
A oferta total da Xunta para o curso 2014/15 ascende a 8.750 prazas en 148 escolas infantís en toda Galicia. Na provincia da Coruña, a rede autonómica conta cun total de 52 escolas infantís e 3.399 prazas.
Así mesmo, a planificación da Consellería de Traballo e Benestar inclúe actualmente un total de 9 novas escolas infantís na provincia, 4 delas xa en obras ou coa obra xa adxudicada, ademáis doutras 5 escolas que a Fundación Amancio Ortega construirá nos concellos de A Coruña, Cambre, Arteixo, Santiago e Melide, esta última xa en execución.
Novidades no procedemento
A orde que regula o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís inclúe algunhas novidades. Así, por exemplo, no baremo para nenos e nenas que solicitan praza por primeira vez nunha escola a puntuación outorgada a cada pai e nai en situación laboral de ocupación increméntase, pasando de 5 a 6 puntos. É preciso lembrar que xa o ano pasado este baremo se incrementou nun punto.
Tamén no que respecta ao baremo, outorgaránselle, como novidade, 3 puntos aos beneficiarios dunha Renda de Integración Social de Galicia (RISGA) que se atopen no tramo de inserción, co fin de dar cumprimento á Lei de inclusión social de Galicia, que entrou en vigor en xaneiro deste ano e co obxectivo fundamental de facilitar a vida laboral e familiar ás persoas perceptoras de RISGA.
Así mesmo, as familias cunha renda per cápita igual ou inferior aos 7.500 euros anuais beneficiaranse dunha exención total de cota a partir do segundo fillo que acuda á mesma escola infantil.
Destacar tamén que se inclúe o suposto de enfermidade grave para xustificar a necesidade de que un neno ou nena asista á escola infantil en períodos en que os centros permanecen pechados. Ata agora a xustificación desa necesidade era unicamente por motivos laborais.
Fóra de prazo e cheque infantil
Ademais, e ao igual que o ano pasado, as solicitudes presentadas fóra de prazo con xustificación admitiranse ata a data anterior á publicación da relación provisional de admitidos (2 de maio) co fin de concretar e unificar prazos en toda Galicia.
A documentación para optar ao cheque infantil presentarase coa solicitude de praza nas escolas, como xa se fixo o ano pasado co propósito de axilizar a tramitación deste.











