Apertura do prazo de inscrición para o primeiro bloque de actividades de Ociourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O programa Ociourense, que acada este ano a súa cuarta edición con novas propostas como buceo ou fotografía de retratos, abre esta tarde, a partir das 15 h, o prazo de inscrición para o primeiro bloque de actividades. O programa, cofinanciado entre o Ministerio de Sanidade e o Concello de Ourense conta cun orzamento de 60.000 euros e está dirixido a mozos e mozas de entre 14 e 30 anos, como alternativa ao seu tempo de lecer durante as fins de semana.

O programa ofrece as seguintes propostas deportivas, culturais, lúdicas e formativas: BTT, piraguismo, escalada, parkour, circo, buceo, patinaxe, baile, cociña, foto de retrato, rutas culturais, sendeirismo nocturno, xogos de sempre, globoflexia, cócteles sen alcol, rol en vivo, andaina e cazafoto.

Todos aqueles que o desexen poden formalizar as súas inscricións a través dos métodos habituais nas edicións anteriores: a páxina web ociourense.es e o facebook do programa (Ociourense).

Obxectivos e criterios fundamentais

“Ociourense” manterá como obxectivos xerais a promoción da saúde desde o ámbito municipal, introducir pautas de ocio que fomenten o desenvolvemento persoal e a creatividade, ofrecer espazos públicos e actividades para un ocio divertido, activo e positivo e xerar unha rede de mozos capaces, cercanos e próximos que realicen actividades saudables. Máis concretamente, a organización das actividades responde aos seguintes criterios:

– Desde unha perspectiva deportiva, preténdese dar a coñecer e experimentar actividades pouco comúns, buscando sensacións e aprendizaxes que nos leven a profundizar nas mesmas.

– Desde un punto de vista cultural, a idea é promocionar a socialización, apoio e confianza nos demáis coa creación artística, plástica e imaxinativa.

– Desde o enfoque lúdico, promóvese a participación en actividades colectivas buscando a interrelación entre iguais.

– Desde a perspectiva formativa, o obxectivo é aportar información clara e obxectiva sobre diversas temáticas e situacións que poidan plantexar conflitos aos mozos e mozas, e anticipar posibles situacións que poidan supor un risco para a saúde; así como mellorar a información sobre os efectos das bebidas alcolicas a través do coñecemento e valoración de bebidas sen alcol.

17 de febreiro de 2014 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.