Ángel Currás mantén a súa “conciencia tranquila” e nega enchufar persoal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press
Declaracións de Ángel Currás

Declaracións de Ángel Currás

O alcalde de Santiago, o popular Ángel Currás, sostivo este luns que ten “a conciencia tranquila” e a “seguridade de que non cometeu “ningunha irregularidade”, tanto na súa actuación como rexedor, como cando era aínda concelleiro de Educación de Gerardo Conde Roa. Así mesmo, negou que participara no proceso de selección de persoal para a gardaría de Salgueiriños e afirmou que, se houbo unha adxudicación apañada, foi “sen coñecemento nin consentimento” pola súa parte.

En declaracións aos medios tras visitar o Cesga, e preguntado polo levantamento do segredo de sumario no que se revela, segundo Vixilancia Aduaneira, que a empresa eixe da trama invitou ás súas competidoras para facerse coa adxudicación da gardaría de Salgueiriños a cambio de enchufar persoas seleccionadas dende o Concello, Ángel Currás reiterou ter a “conciencia tranquila” e cree que así se “vai demostrar” cando se coñezan a totalidade do contido da investigación. “Por parte do alcalde non se cometeu ningunha irregularidade”, abundou.

“Se houbo algún tipo de concerto niso (a adxudicación da gardaría), dende logo foi sen o meu coñecemento, por suposto, sen o meu consentimento”, asegurou Currás, que, á preguntade de se el participou no proceso de selección do persoal da gardaría resolveu: “En absoluto”.

Con todo, o rexedor compostelano introduciu o matiz de que el responde polas súas “actuacións” e non polo “uso” do seu nome que fagan terceiras persoas ou “opinións ou interpretacións” doutros. “Teño a conciencia moi tranquila nese sentido, agora ben, respondo, respondín, sempre das miñas actuacións; do que non respondo é das opinións nin interpretacións de terceiros, ou mesmo do uso do meu nome ou cargo por terceiras persoas”, manifestou.

Ángel Currás negou ata dúas veces que non deu ningunha lista de persoas para a súa contratación na gardaría de Salgueiriños. A través dunha nota de prensa, o Concello de Santiago sinala que o rexedor “nega rotundamente que mantivese conversacións co delegado de Sermasa (empresa concesionaria da gardaría) respecto da que non tivo ningunha intervención”.

DI QUE O GRUPO É “LEAL” CON EL

O rexedor compostelano pediu non facer “xuízos anticipadamente, sen coñecer en profundidade toda a investigación”, e recordou que as indagacións aínda están nunha “fase inicial”. Do mesmo modo, afirmou que el “non fai xuízos ata que se coñezan todas as actuacións”, porque “serían precipitados”, e sinalou que “hai que pedir para todo o mundo presunción de inocencia”.

Ademais, Currás remarcou que “dende o primeiro momento”, solicitou o levantamento do segredo de sumario, e se mostrou “seguro” de que, cando iso aconteza, “se despexarán sombras de dúbidas e sospeitas”. “O que procede é que se coñezan todas as actuacións, só se coñece unha pequena parte, e espero que sexa así dentro duns día”, sinalou noutro momento das súas declaracións.

Preguntado por se se sente avalado na Alcaldía, a raíz das conversacións que transcenderon, nas que queda patente a división do grupo municipal a raíz da dimisión de Gerardo Conde Roa; Currás subliñou que el e o resto de concelleiros “levan traballando practicamente dende hai dous anos”, con el como rexedor, e o “único que ten para os seus compañeiros” é a “seguridade da colaboración e lealdade”. “En ningún momento notei un déficit de lealdade e desa colaboración”, manifestou.

MARÍA PARDO SOBRE O SEU MARIDO

Por outra parte, a voceiro do goberno local de Santiago, María Pardo, sinalou, ao respecto do traballo do seu marido, que o seu cónxuxe traballaba na empresa na que está contratada “antes de empezar” ela na “política” e de ser “concelleira”, “moitos anos” antes como autónomo.

Así mesmo, dixo que a empresa na que traballa “é privada” e “non unha concesionaria” do Concello e que, en todo caso, tivo un “contrato menor” na época do bipartito. Do mesmo modo, indicou que o seu marido “non traballa en Santiago” e a súa concellaría non ten ningún contrato coa empresa do seu cónxuxe.

3 de febreiro de 2014 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.