Ames ten programados 36 obradoiros para a prevención de drogodependencias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

A programación educativa para a prevención de drogodependencias posta en marcha polo Concello de Ames continúa en 2014 coa impartición de 36 obradoiros en catro centros educativos do municipio. Estes obradoiros, iniciados o pasado mes de marzo, estanse realizando ao longo do actual curso escolar, ampliando o número de actividades e de centros nos que se imparten. A concelleira de Sanidade, María Eugenia Martín, visitou o IES do Milladoiro, onde se están desenvolvendo parte destes obradoiros dirixidos aos alumnos e alumnas de segundo, terceiro e cuarto da ESO. Ata o mes de xuño, os obradoiros tamén se están realizando no CEIP A Maía, no CEIP de Barouta e no Colexio Alca. No primeiro trimestre do curso, impartíronse tamén no IES de Ames- Bertamiráns, no CEP de Ventín e no CEIP Agro do Muíño.

A que se está levando a cabo neste momento é a segunda fase desta programación para a prevención de drogodependencias, como complemento aos obradoiros que xa foron impartidos nestes mesmos centros educativos durante o ano 2013 e despois de avaliar os resultados obtidos nos mesmos.

No pasado mes de marzo, o Executivo amiense decidiu potenciar a programación de obradoiros para a prevención de drogodependencias destinada á mocidade amiense e centrada na impartición de obradoiros educativos nos centros de ensino do municipio. Este conxunto de actividades inclúe un traballo personalizado cos alumnos/as e adaptado ás distintas etapas educativas. Ademais, a iniciativa está coordinada por persoal técnico do Concello de Ames.

Os obradoiros teñen como obxectivos previr condutas aditivas sobre o consumo de drogas, informar sobre as consecuencias do uso e abuso, aportar ferramentas útiles na aprendizaxe de habilidades sociais, favorecer a realización de actividades alternativas de lecer ou evitar o posible desenvolvemento de condutas de risco.

A concelleira de Sanidade, María Eugenia Martín, subliña que, deste xeito, “dáse cumprimento ao compromiso do Goberno amiense de realizar obradoiros para a prevención de drogodependencias, unha actividade importante para formar, sensibilizar e informar á poboación máis nova do Concello contra esta lacra”. A concelleira fai fincapé en que “para Ames é importante contar cuns obradoiros deste tipo, debido a que somos un Concello cunha poboación moi nova e, polo tanto, moi exposta”. A concelleira explicou que “os obradoiros están funcionando satisfactoriamente entre o alumnado amiense, especialmente no IES do Milladoiro, polo que se contempla a súa ampliación a outros cursos”. Destacou, ademais, que “o persoal que imparte os obradoiros xa traballara con anterioridade cos alumnos no IES Pondal, polo que coñece de preto os puntos a traballar”.

Obxectivos

Os obradoiros de prevención están centrados na impartición de sesións informativas e obradoiros nas diferentes etapas educativas. Para iso, empréganse ferramentas dinámicas e impúlsase a participación e interacción do profesorado. Deste xeito, o que se persegue é que na transición entre as etapas escolares se traballe a prevención de drogodependencias, sempre dun xeito adaptado ao momento que a mocidade está vivindo. Por iso, cada un dos obradoiros está adaptado a cada etapa, facendo fincapé nos temas máis importantes a abordar en cada momento co fin de evitar condutas de risco.

Este xeito de organizar os obradoiros permite dar continuidade ao traballo cos mozos e mozas durante toda a etapa escolar, traballando con todos os niveis educativos e impulsando a prevención dun xeito global e continuo.

Unha vez rematada a impartición dos obradoiros o que se busca é que os mozos e mozas amienses acaden un coñecemento máis amplo da prevención de drogas e espertar o seu interese en participar en diversas actividades que fomenten a vida saudable. Ademais, tentarase que adopten habilidades sociais favorables para o seu desenvolvemento, así como aportarlle ferramentas de interese na resolución de conflitos. Ao remate, farase unha avaliación final do alumnado para comprobar os coñecementos adquiridos. A avaliación do profesorado é continúa e establécese unha coordinación do Concello de Ames para facer un seguimento dos obradoiros e do cumprimento de obxectivos.

12 de febreiro de 2014 | 19:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.