Ames renovará tres parques infantís con cargo ao Plan Complementario da Deputación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O Goberno amiense, reunido en Xunta de Goberno Local, deu luz verde ao inicio do proceso de contratación das obras de reparación e adecuación de tres parques infantís do municipio nas que se investirán un total de 70.082 euros. Estes traballos estaban contemplados no Plan de Obras e Servizos complementario da Deputación correspondente a 2013 e, grazas aos aforros conseguidos nas restantes licitacións, poderán acometerse agora.

Os parques nos que se realizarán as obras de reparación e adecuación son o parque infantil situado na Praza de Chavián, en Bertamiráns; o ubicado na praza limitada polas rúas Agro da Madalena, Agro do Medio e Viorneira (máis coñecida como Praza de Correos), no núcleo do Milladoiro, e o parque infantil da urbanización Agro do Muíño.

Trátase de tres parques moi empregados debido a súa situación. O da Praza de Chavián é o máis concorrido de Bertamiráns, dada a súa situación nas inmediacións da Casa da Cultura e do centro de saúde. O mesmo acontece co da praza de Correos do Milladoiro, situado no centro do núcleo urbano e próximo tamén ao centro de saúde. Por último, na urbanización Agro do Muíño, situada na parroquia de Ortoño, existe un colexio nas inmediacións do parque, polo que á afluencia de público infantil procedente da propia urbanización engádese á que procede da saída do colexio.

Obras a realizar

No parque de Agro do Muíño as actuacións consistirán na retirada do pavimento de grava actual nunha superficie total de 147 metros cadrados e á súa substitución por lousas de caucho. Ademais, inclúese a colocación dun valado perimetral que acote a área de xogos.

Nos parques de Chavián e Milladoiro prevese a retirada do pavimento actual de lousas de caucho, a posterior limpeza e preparación da soleira de formigón e a posterior execución de pavimento de caucho continuo para garantir a amortiguación das posibles caídas.

14 de febreiro de 2014 | 19:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.