Ames colabora coa A.E.C.C. nunha iniciativa informativa no centro comercial Novo Milladoiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O Concello de Ames, a través da Concellería de Sanidade, e a Asociación Española Contra el Cáncer (AECC) organizaron para este sábado, 8 de febreiro, unha xornada para informar á cidadanía amiense sobre esta enfermidade na semana na que se celebra o Día Mundial contra o Cancro. Esta iniciativa, que tamén conta coa colaboración de Santiago Sur, levarase a cabo o sábado no centro comercial Novo Milladoiro.

Deste xeito, no centro comercial instalarase unha mesa informativa na que se distribuirá material informativo co obxectivo de concienciar á poboación e dar a coñecer os detalles desta enfermidade, facendo fincapé na importancia da detección precoz. Tamén se ofrecerá información sobre a entidade e os servizos que presta. Esta mesa informativa contará co apoio de voluntarios da Oficina do Voluntariado de Ames e de membros da Asociación Española Contra el Cáncer, que informarán sobre todos os aspectos relacionados coa enfermidade.

A concelleira de Sanidade, María Eugenia Martín, destaca que a través desta iniciativa o Concello “ten como obxectivo colaborar coa AECC para informar á cidadanía sobre o cancro, ofrecendo consellos preventivos e sanitarios sobre a enfermidade”. A concelleira engadiu que “o obxectivo é chegar ao maior número de veciños e veciñas posible aproveitando a celebración esta semana do Día Mundial contra o Cancro”.

6 de febreiro de 2014 | 20:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.