Alfonso Rueda presidirá a vindeira reunión de traballo da Eurocidade Chaves-Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

O vindeiro venres 21 levarase a cabo na sede da Eurocidade (antiga aduana de Feces de Abaixo) unha reunión de traballo encabezada polo vicepresidente da Xunta de Galicia e presidente do grupo de traballo da Eurocidade Chaves-Verín, Alfonso Rueda Valenzuela.

Asistirán á reunión, ademais do conselleiro, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e Joâo Batista como Secretario Executivo da Comunidade Intermunicipal del Alto Tâmega, os dous alcaldes e o secretariado técnico conxunto.

Os contidos que se tratarán na reunión son os seguintes:

1. Analizar o traballo levado a cabo polos municipios de Chaves e Verín dende a aprobación do proxecto Eurocidade no ano 2008.

O proxecto baseouse nos catro eixos estratéxicos definidos na Axenda Estratéxica da Eurocidade para o marco plurianual 2007-2013. En concreto: creación dunha estrutura de cooperación con personalidade xurídica propia (AECT-Eurocidade Chaves-Verín), a creación dunha Zona Franca Social da Eurocidade a través da xestión de equipamentos e servizos e a Tarxeta do Eurocidadán, a promoción económica a través do turismo e o termalismo e o desenvolvemento sostible coa implementación dunha senda eco fluvial polo río Támega.

2. Debater a folla de ruta da Eurocidade Chaves-Verín para o marco plurianual 2014-2020 centrándose nos seguintes obxectivos estratéxicos:

– A captación e xestión de fondos Comunitarios por parte da Eurocidade Chaves-Verín.
– O desenvolvemento dunha rede de Eurocidades do atlántico impulsada pola Eurocidade Chaves-Verín.
– O desenvolvemento dun plan de actuación de asistencia sanitaria transfronteiriza na Eurocidade Chaves-Verín que se materialice nun convenio de cooperación transfronteiriza da Eurocidade Chaves-Verín.
– A implementación dun transporte público de proximidade.
– A creación dun Centro de Cooperación Policial e Aduaneiro (CCPA)
– O desenvolvemento do termalismo como factor base de competitividade;
– A consolidación dunha plataforma loxística transfronteiriza
– Deseño dunha Smart Comunity, entre outros.

A estratexia da Eurocidade Chaves-Verín pasa pola coordinación e xestión conxunta de equipamentos e servizos prestando especial atención ás temáticas de turismo, deportes, cultura e medio, claves para o desenvolvemento do territorio. Así mesmo, a planificación conxunta de ambos os dous municipios centrarase na concentración de recursos e nunha aposta pola innovación e o emprego, en consonancia coas estratexias de especialización intelixente RIS3.

3. Por en marcha a AECT-Eurocidade Chaves-Verín, despois dun intenso traballo a AECT-Eurocidade Chaves-Verín recibiu a aprobación por parte de ambos os dous gobernos para a súa posta en marcha. Na reunión fixarase a data da presentación oficial do novo organismo de cooperación territorial europea, 2ª AECT na Eurrrexión Galicia-Norte de Portugal.

4. Presentar os proxectos que se están a desenvolver pola Eurocidade Chaves-Verín co obxectivo de paliar os custos de contexto transfronteirizo entre ambas as dúas poboacións. En concreto:

– Presentarase o proxecto de Asistencia Sanitaria Transfronteiriza na Eurocidade Chaves-Verín, baseado no análise das complementariedades existentes do Centro Hospitalar de Tras-Os-Montes e Alto Douro e o Hospital de Verín. Así mesmo definirase un convenio de cooperación entre ambos centros da Eurocidade.

– Presentarase a organización dun Workshop sobre asistencia sanitaria transfronteiriza: custos e   oportunidades (financiado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE- Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza – Xunta de Galicia).

– Presentarase un estudo de lexislación termal e proposta dun marco lexislativo común para a Eurorrexión.

5. Pediráselle ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza que a Eurocidade Chaves-Verín teña un papel relevante no Plan de Investimentos Conxunta Galicia-Norte de Portugal recentemente presentado pola Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal.

A Eurocidade Chaves – Verín é un proxecto de cooperación transfronteiriza aprobado no ámbito do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), coa participación financeira da Unión Europea (co-financiamento FEDER).

14 de febreiro de 2014 | 12:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.