AJE constitúe a súa nova Xunta co compromiso de converterse nun motor para o emprendemento na cidade
Rubén Hermida, presidente reelecto da Asociación de Novos Empresarios, AJE-Galicia, constituíu a nova Xunta Directiva desta Asociación para o próximos catro anos. Na reunión, o novo equipo aproveitou para trazar as liñas mestras para esta nova etapa entre as que se atopa converter esta asociación en eixo do futuro emprendedor e do novo ciclo económico en Vigo e área de influencia, ante os cambios de gran calado que sufriu a economía. No ámbito interno, Rubén Hermida aproveitou tamén para indicar que a nova Xunta proponse incrementar o seu número de asociados, co obxecto de alcanzar os 500, continuar e potenciar a oferta formativa que ofrece AJE, promover o negocio entre asociados e dotar á asociación de servizos que favorezan a redución de custos para os empresarios e emprendedores que forman parte desta organización.
O equipo que estará á fronte da asociación durante o próximos catro anos mantense ao completo e incorpora dous novos profesionais que, en palabras de Hermida, “achegarán savia nova xa que contan con perfís moi interesantes que serán de gran axuda para a asociación”. Trátase de Eugenia Sánchez González, que será a nova secretaria de AJE e Pablo Álvarez Freire, como vogal. Sánchez é avogada, especializada en dereito mercantil e procesos concursais, e desenvolve o seu traballo en Teder Avogados. Pablo Álvarez, enxeñeiro informático, é socio director de Moovup empresa dedicada á venda de accesorios e complementos para dispositivos móbiles.
Deste xeito, a nova Xunta Directiva estará composta por nove acodes: Rubén Hermida, presidente; Rubén Rivas, vicepresidente primeiro, Borja Núñez, vicepresidente segundo; Eugenia Sánchez, secretaria; Santiago Núñez, tesoureiro; e os vogais Álex Cabo, Susana Pérez, Diego Carracedo, Pablo Álvarez.











