Agricultura sostible, danzas do mundo e obradoiros de informática e ofimática na oferta formativa de Brión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

O Concello de Brión vén de convocar un amplo programa formativo para os próximos meses, que inclúe novos cursos e obradoiros de informática e de ofimática, obradoiros de agricultura sostible, un curso de preparación de competencias clave nivel 2 e un taller sobre danzas do mundo. Todos os veciños e veciñas que desexen máis información ou queiran participar nalgún dos cursos deben dirixirse á Casa da Cultura de Brión ou ao teléfono 981 50 99 08.

Unha das novidades do programa formativo brionés para 2014 é a convocatoria de tres obradoiros de agricultura sostible, dirixidos a persoas que estean interesados na horticultura e desexen aprender técnicas e procedementos para cultivar as súas propias hortalizas. Cada un dos tres obradoiros terá un custe de 20 euros e celebraranse sempre que haxa un mínimo de 8 persoas inscritas.

O primeiro dos obradoiros será “Planificación da horta” e terá lugar os días 24, 25 e 27 de febreiro. O segundo, “Sementeiros e abonos”, celebrarase os días 6 e 7 de marzo; mentres que o último obradoiro, “Pragas e enfermidades”, terá lugar o 10, 11 e 13 de marzo. En todos os casos, o horario é de 16:30 a 19:30 horas.

Informática e ofimática

Por outra banda, o Concello de Brión mantén a súa aposta polos cursos de informática e de ofimática. Así, a aula CeMit de Brión ofrecerá unha completa programación formativa para o desenvolvemento de competencias no entorno Microsoft Office: Entorno Windows (20 horas), Internet (20 Horas), Word 2007 (40 horas), Access 2007 (40 horas), Excel 2007 (40 horas) e Power Point 2007 (20 horas). As datas e horarios van ser: luns e mércores ou martes e xoves, dependendo da dispoñibilidade da aula, de 20:00 a 22:00 horas. Os cursos, que comezarán no momento en que se reúnan 8 persoas inscritas, terán un custo de 30 euros (cursos de 20 horas) ou de 50 euros (cursos de 40 horas).

Así mesmo, o Concello de Brión tamén ofrecerá cursos formativos “on-line”, que inclúen cursos de ofimática e tamén de deseño gráfico: Internet (20 horas), Microsoft Power Point 2007 (20 horas), Microsoft Word 2007 (40 horas), Microsoft Access 2007 (40 horas), Microsoft Excel 2007 (40 horas), Deseño de blogs (20 horas), Deseño de páxinas web (40 horas), Photoshop (40 horas). Ao seren cursos a distancia, só terá lugar unha clase presencial o día do inicio do curso para explicar o funcionamento da plataforma e o sistema de avaliación. Os cursos empezarán no momento en que haxa 10 persoas inscritas, que terán un prazo de 1 mes para rematar un curso de 20 horas ou de 2 meses, no caso de cursos de 40 horas. A cota de inscrición será de 20 e 30 euros, respectivamente.

Finalmente, o Concello de Brión ofrece tamén a posibilidade de participar nalgún dos obradoiros de Informática, de 2 horas de duración, no que se abordarán temas máis concretos: Uso de redes sociais (Facebook, Tuenti, Twitter); Falando cara a cara por videoconferencia: Skype, Trámites electrónicos (oficina virtual): Seguridade Social, SERGAS, Axencia tributaria…; Comercio electrónico; Formatos musicais e de vídeo: conversión de formato (mp3, wav, avi, mov), compresión; Gravación de CD’s e DVD’s. Estes obradoiros terán lugar na aula CEMIT os luns e mércores, de 18:00 a 20:00 horas, e os venres, de 20:00 a 22:00 horas. Realizaranse segundo se vaian completando grupos e o prezo de cada obradoiro é de 5 euros.

Danzas do mundo e competencias

A oferta formativa para os primeiros meses de 2014 en Brión complétase co curso “Danzas do mundo”, dirixido a animadores sociais e culturais. Terá lugar os sábados 15 e 22 de marzo na sala municipal de exposicións de Brión en horario de 10:00 a 14:00 horas, sempre que se xunten un mínimo de 12 persoas.

Por último, e de cara á vindeira convocatoria para a realización das probas de avaliación en competencias clave para acceder ás accións formativas dos novos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación dentro da formación profesional para o emprego, o Concello de Brión convoca tamén un curso de preparación das Competencias Clave de Nivel 2. Os módulos que inclúe o curso son: Competencia en lingua galega, Competencia en lingua castelá, Competencia en lingua estranxeira: inglés (só para os certificados que o necesiten), Competencia matemática e Alfabetización dixital.

As clases terán lugar os luns e mércores (de 10:30 a 12:00 horas) e os venres (de 10:30 a 11:30 horas) entre o 24 de febreiro e unha semana antes da data da convocatoria das probas. O prezo é de 10 euros mes e será preciso un mínimo de 15 persoas para a súa realización, tendo preferencia os veciños e veciñas de Brión.

19 de febreiro de 2014 | 13:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.