Afectados de Forum e Afinsa concentraranse ante os xulgados de Vigo e Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseVigo
A-
A+

A Plataforma Unitaria “Solución Fórum-Afinsa”, impulsada en Galicia por ADICAE, ADEBITA e a Federación de Clientes de Afinsa e Fórum Filatélico, que reúne á maior parte dos 470.000 afectados o caso Forum, Afinsa e Arte e Natureza, convoca aos cidadáns a concentrarse o vindeiro xoves 20 de febreiro ante os xulgados para esixir unha solución inmediata para os aforros secuestrados a estas familias. Tras case oito anos de demoras inxustificables, as vías xudiciais penal e concursal demostraron a súa inoperancia, polo que se precisa unha vontade política que satisfaga por fin as demandas destes pequenos aforradores atrapados nun escándalo que salpica non só aos directivos imputados, senón a todas as institucións e organismos do Estado, clase política incluída.

A semana pasada, dentro da imparable corrente posta en marcha en defensa dos afectados, o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha Proposición non de Lei instando o Goberno Central a levar a cabo unha proposta que daría solución ao problema. Con esta xa son cinco as Comunidades Autónomas que se suman a esta sinxela petición: que o Estado adquira os dereitos recoñecidos aos afectados no proceso concursal a través da súa compra polo Instituto de Crédito Oficial (ICO). Esta proposta non suporía aumento do déficit nin da débeda e permitiría aos afectados recuperar a maior parte dos seus aforros. A solución é legalmente viable e xa se utilizou no caso PSV.

A concentración, que será apoiada en distintas cidades españolas, aproveitará para lembrarlle ao Presidente do Goberno, Mariano Rajoy, a promesa que fixo estando na oposición de buscar unha solución inmediata e satisfactoria para os damnificados. Tal solución urxe xa, tendo en conta dos estragos que causa esta dilatada situación nuns tempos, ademais, particularmente difíciles para as familias españolas.

VIGO: Día 20 de febreiro nos Xulgados de rúa Lalín ás 11:00

OURENSE: Día 20 de febreiro nos Xulgados da praza de Concepción Arenal ás 11:00

19 de febreiro de 2014 | 13:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.