Ábrese o prazo para que os concellos da provincia da Coruña soliciten actuacións dos grupos da Rede Cultural
Os concellos e asociacións que se queiran beneficiar desta iniciativa, deberán presentar as súas solicitudes entre os días 7 e 26 de febreiro, tal e como se recolle no anuncio publicado hoxe no Boletín Oficial da Provincia.
Todos os datos das agrupacións artísticas que participan nesta nova edición da Rede Cultural poden consultarse na páxina web da Deputación (www.dicoruna.es/cultura/rede-cultural/). En canto aos impresos de solicitude, poderán atoparse nos concellos, na sede provincial e tamén en internet.
A relación do programa deste ano inclúe o XXIII programa de música e teatro para profesionais, así como o XXVI ciclo de música e o VIII programa para compañías de danza. Na categoría non profesional, o programa de música e teatro chega á súa XXVIII edición, e nel haberá dende bandas de música e gaitas ata corais, orquestras, solistas e danza. Nas artes escénicas terán cabida os monólogos, as actuacións de monicreques, os contacontos e a maxia, así como o circo e os acróbatas.
Achegas provinciais para as actuacións
A Deputación asumirá o 70% do gasto xerado pola contratación destes grupos no caso dos concellos de menos de 5.000 habitantes. Para os de entre 5.001 e 15.000, a porcentaxe achegará o 50%, mentres que nos concellos de máis de 15.000 habitantes a Deputación asumirá ata o 40% do orzamento total.
As entidades sen ánimo de lucro deberán facer fronte á metade do gasto pola contratación dalgún destes espectáculos, mentres que a outra parte correrá a cargo da Deputación da Coruña.











