Ábrese ao público a Domus do Mitreo que poderá ser visitada catro días á semana de xeito gratuito

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugo
A-
A+

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Linga, Carmen Basadre, anunciou que xa está aberta de maneira continuada a Domus do Mitreo, “con achádegos únicos no noroeste peninsular” segundo explicou.

Os visitantes pódense achegar a coñecer os restos arqueolóxicos de xoves a sábado en horario de 11.30 a 13.30 e de 17.00 a 19.00 horas, e os domingos de 11.30 a 13.30 horas. Ademais, o Martes de Entroido e o Día Internacional dos Museos permanecerá aberto cun horario especial durante toda a xornada. A entrada é gratuita e para xestionar as visitas de grupos terán que reservalas a través do Vicerreitorado da Universidade.

A Domus do Mitreo xurdiu despois de realizar diferentes intervencións arqueolóxicas no  solar que permitiron descubrir que tivo ocupación desde a época romana altoimperial ata os nosos días. Na zona descubríronse unha domus, un mitreo e o lenzo completo da muralla baixoimperial.

Atopáronse importantes restos de pintura mural en varias estancias da domus. O mitreo, un pequeño edificio de planta rectangular adicado ó culto de Mitra, localízase na parte alta da edificación. A construción presenta grandes similitudes con outros mitreos descubertos en distintos lugares do Imperio romano e constitúe unha evidencia clara que testemuña a presenza de cultos orientais en Lucus Augusti.

Tamén foi descuberto o lenzo completo da Muralla baixoimperial, unha importante construción que supuxo a destrución e selado parcial da domus e amosa claramente o cambio de trazado da cidade romana neste momento. O lenzo da Muralla romana excavado atópase nun estado de conservación excelente e acada un alzado moi importante.

Ademais atopáronse restos de distintas épocas da historia da cidade como vidros, cerámicas, moedas e ata esqueletos perfectamente conservados.

7 de febreiro de 2014 | 18:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.