A xustiza avala ao Concello de Pontevedra no abono da extra de Nadal
O Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Pontevedra deu a razón ao Concello de Pontevedra no xuízo polo abono das ‘pagas extra’ que o Goberno central suprimira e contra o que o municipio pontevedrés se rebelou aboando un complemento de produtividade.
Desta forma, a sentenza desestima o recurso presentado pola Delegación do Goberno contra a decisión do executivo local de aboar ao persoal municipal o complemento en compensación pola diminución da paga extraordinaria de Nadal de 2012.
O fallo da xuíza María Enriqueta Sanmartín considera que non existe fraude de lei por parte do Concello de Pontevedra e que o pagamento dese complemento se axusta a dereito. A sentenza é recurrible no prazo de 15 días ante a sala do contencioso administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
“SATISFACCIÓN”
O goberno local, que preside o BNG con Miguel Anxo Fernández Lores, a través do concelleiro responsable de persoal, Vicente García Legísima, deu conta do fallo e mostrou a súa satisfacción por esta sentenza, despois de “adoptar unha decisión atrevida pero necesaria pola situación de recortes” para apoiar os traballadores municipais.
O concelleiro evitou facer unha avaliación política da sentenza indicando que era “respectuoso” coa parte á que non lle admiten a demanda.
Pola súa banda, o tenente de alcalde, o socialista Antón Louro, considera que é “moi positiva” esta sentenza, “que despexa dúbidas e contribúe á tranquilidade de todo o cadro de persoal” do Concello.
Ademais, lamentou a “actitude errática do Partido Popular” en todo este asunto”, xa que, primeiro opúxose á adopción da medida e, despois, “alentou na sombra a presentación do contencioso”. Finalmente, dixo, “fixo declaracións públicas desexando que o Concello gañase o preito”.
QUE NON TIVESE EFECTOS
Neste sentido, o voceiro municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira, mostrou tamén a súa satisfacción por esta sentenza, insistindo en que “desexaba que non tivese efectos para terceiros de boa fe”.
Moreira considera que se este recurso fose estimado, quen ía pagar as consecuencias “non ía ser o alcalde de Pontevedra senón que ían ser os funcionarios”.
“A sensación é positiva no sentido de que os funcionarios non van estar afectados” por unha resolución que, insistiu, “polo menos política e publicamente foi moi cuestionable”.











