A Xunta solicita ao goberno de Pontevedra unha alternativa ao proxecto de saneamento do río Gafos
O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, remitiu esta mañá unha carta ao alcalde de Pontevedra na que solicita ao concello “unha proposta alternativa, tecnicamente viable para poder avanzar no remate das actuacións recollidas no convenio de saneamento”, unha vez que o goberno local rexeitou o proxecto plantexado pola Xunta, que consistía na construción de pequenas depuradoras de macrofitas augas arriba do río Gafos, o que permitiría resolver as achegas ao colector.
Hernández ratifica a vontade da Xunta para colaborar co concello na mellora do seu sistema de saneamento a través da aplicación da totalidade dos fondos autonómicos recollidos e previstos no convenio asinado co concello, e reitera ao rexedor que a única condición é que eses investimentos “sirvan para executar actuacións correctamente deseñadas e planificadas, que permitan avanzar no saneamento integral do concello”.
O responsable autonómico lembra a Lores que “estamos a falar dunha competencia de exclusiva titularidade municipal” e, neste contexto, a Administración hidráulica de Galicia non vai impulsar ningunha actuación de saneamento sen contar coa conformidade do concello. Neste sentido, Hernández cuestiona a crítica realizada á solución proposta pola Xunta “con afirmacións carentes de calquera xustificación e, o que resulta aínda mais sorprendente, sen presentar ningunha alternativa ao problema do colector”.
O conselleiro insiste en que “na administración hidráulica de Galicia non coñecemos ningunha alternativa nin proposta, nin tampouco temos información do proxecto aludido por vostede ó respecto da retirada do leito do río dun treito do colector dos Gafos”, polo que empraza ao alcalde a remitir á Xunta unha proposta alternativa e tecnicamente viable.
Agustín Hernández fai referencia na súa misiva aos mais de 23 millóns de euros investidos pola Xunta nos últimos dez anos no saneamento de Pontevedra así como a explotación da Edar dos Praceres, que suma outros 16,5 millóns, para demostrar o compromiso coa mellora ambiental do concello de Pontevedra.
O escrito remata recordando ao alcalde a urxencia de avanzar na mellora da rede de saneamento, toda vez que a Administración Hidráulica de Galicia, como organismo responsable da xestión do dominio público hidráulico, así como das autorizacións de vertido de terra ó mar, “non pode permanecer inactiva ante as situacións xurdidas pola incapacidade de evacuación da rede de saneamento que está a producir vertido, con especial incidencia na bacía do río dos Gafos”.











