A xunta local de seguridade de Cangas establece un dispositivo especial para o Entroido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

Esta mañá a Xunta Local de Seguridade  reuniuse en sesión extraordinaria para, ente outros asuntos, establecer un dispositivo de seguridade de cara as vindeiras festas do Entroido e facer balance do índice de criminalidade do último ano.

Na reunión estiveron presentes o alcalde de Cangas José Enrique Sotelo, o Coronel xefe da Comandancia da Guarda Civil Manuel Davo Soler, o Xefe da Unidade Adscrita do C.N.P. á Comunidade Autónoma en Pontevedra, o Asesor do Subdelegado do Goberno Alberto Seoane Riobó, a concelleira de Seguridade do Concello de Cangas María Luísa Prieto, a Xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller Mª Paz Pérez Asorey e a responsable de EMUME Pilar Lagos Alonso.

Durante a xuntanza estableceron o plan de seguridade para o Carnaval do Hío deste ano co cal se pretende reforzar a seguridade seguindo a experiencia dos dous últimos anos durante os cales se dispuxo un dispositivo especial para evitar os incidentes que se viñan acometendo en edicións anteriores ao 2012. O rexedor local quixo agradecer a colaboración das forzas do orde público e dos organizadores do Entroido, que fixo posible que os plans de seguridade dos dous últimos anos fosen un éxito e estas festas se saldasen sen incidentes.

Os principais problemas que se rexistran durante o luns e o martes de carnaval, cando milleiros de persoas se achegan ata a parroquia de O Hío para participar nesta tradicional celebración, afectan á seguridade no tráfico e ao orde público. 

Para evitar que se produzan incidencias relacionadas con estas cuestións, o plan de seguridade fará un especial fincapé nestes puntos de modo que se elaborou un plan de tráfico para garantir a seguridade dos participantes nas comparsas e do resto dos veciños. Así mesmo para evitar a concentración de xente no atrio da Igrexa do Hío valarase o recinto protexendo tanto o edificio eclesiástico coma o Cruceiro.

Durante os días que dure o Entroido as forzas de seguridade (Garda Civil, Policía Local e Protección Civil) traballarán de forma coordinada para tratar de reducir os riscos atender as incidencias coa maior brevidade posible.

Carnaval de Aldán

En canto á polémica que estes días envolve a celebración do Entroido na parroquia de Aldán, Sotelo afirma que o goberno local xa presentou ante a Consellería de Educación unha alegación para que o carnaval se poida celebrar no pavillón de Espiñeira. “Trátase dun pavillón da Consellería para uso da parroquia sempre e cando non se interfira na actividade escolar” afirma Sotelo. O rexedor local declara que “faremos todo o posible para que se celebre no pavillón porque é un servizo para a parroquia e os riscos de seguridade son mínimos e non afecta ás instalacións propias do colexio.

A día de hoxe estase reparando a porta de seguridade e colocando extintores tal e como indica a normativa de seguridade.

Así mesmo, Sotelo sinalou que hoxe comezáronse a realizar as actuacións de reparación do tellado do comedor escolar do colexio de Espiñeira e que estas finalizarán na maior brevidade posible.

Índice de Criminalidade

Por outra banda, o subdelegado do Goberno explicou na Xunta Local que durante o pasado ano, en Cangas, descendeu o número de delitos e faltas nun -5,31% con respecto a 2012.  Así mesmo,  recalcou que o número de delitos esclarecidos en 2013 incrementouse nun 16,11% en comparación co ano anterior. “Isto evidencia a boa relación de coordinación que existe entre a Garda Civil e a Policía Local de Cangas” afirmou.

Ademais destes temas durante a reunión tamén abordáronse cuestións relacionadas co dispositivo de seguridade que se porá en marcha de cara a Semana Santa Canguesa e  o protocolo de coordinación entre a Garda Civil, Policía Local e Protección Civil así coma as medidas e plans que se elaborarán para o mellor funcionamento posible das praias durante a época estival.  A concelleira de seguridade María Luisa Prieto afirma que a finais de marzo comezarase a traballar nos areais para realizar as tarefas de sinalización unha vez se realice o desbroce dos accesos.

18 de febreiro de 2014 | 20:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.