A Xunta impulsa a incorporación de empresarias á rede galega de mentores para asesorar a novos emprendedores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Xornada de emprendedores mentores. Foto: X. Crespo

Xornada de emprendedores mentores. Foto: X. Crespo

O Igape, en colaboración coa Asociación de Executivas de Galicia, promoveu esta tarde o desenvolvemento dun encontro técnico destinado a difundir o potencial da Rede Galega de Mentores e procurar a incorporación á mesma de empresarias e executivas con vontade de compartir coñecemento e experiencia con novos emprendedores e emprendedoras en fase de consolidación dos seus proxectos.

No encontro de hoxe contaron as súas experiencias a mentora Ana Isabel Regueira e a empresaria mentorizada Marta Arenas Romasanta. A xornada incluíu tamén relatorios sobre as funcións e obxectivos da propia Rede Galega de Mentores, coordinada polo Igape e sempre aberta ás solicitudes de novos empresarios que desexen contar con este servizo gratuíto, que lles pode achegar orientacións e as experiencias de xestores expertos.

No marco da nova Lei do emprendemento e da competitividade de Galicia, a Consellería de Economía e Industria está a poñer en marcha novos instrumentos de apoio á creación e consolidación de novas empresas, e a reforzar os xa existentes, como a Rede Galega de Empresarios Mentores, que conta na actualidade con máis de 130 expertos dispostos a compartir a súa experiencia cos promotores de proxectos que acaban de poñerse en marcha, ou en fase de consolidación, e que se atopan diante dunha necesidade ou aposta estratéxica concreta que deben superar.

As empresas interesadas neste instrumento de apoio poden inscribirse na Rede Galega de Empresarios Mentores a través da páxina webwww.redementores.com, para buscar o apoio e asesoramento dos mentores máis axeitados ao seu caso.

18 de febreiro de 2014 | 19:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.