A Xunta garantirá a prestación do servizo de transporte urbano na parroquia dos Tilos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

A directora xeral de Mobilidade, Camino Triguero Salas, xunto con técnicos do seu departamento, recibiron está mañá a unha representación de todos os grupos políticos e asociativos do concello de Teo, entre os que se encontraba o concelleiro encargado da área de Mobilidade, coa finalidade de expoñer os traballos desenvolvidos para a introdución de melloras nos servizos de transporte deste concello.

Triguero lembrou que entre a capital compostelana e Pontevea produciuse nos últimos anos un importante incremento dos asentamentos de poboación, configurando un itinerario con varios núcleos como Pontevea, A Ramallosa, Cacheiras ou Montouto, o que orixinou novas necesidades de mobilidade. Estes servizos son prestados basicamente por dúas empresas, que comparten os tráficos na maior parte das paradas.

Atendendo a esta situación, a Dirección Xeral de Mobilidade analizou a introdución de novas actuacións, coa finalidade de prestar un mellor servizo aos cidadáns. Así, a directora xeral anunciou aos asistentes que a Lei de racionalización do sector público autonómico, que entrará en vigor o próximo día 17 de febreiro, permitirá á Xunta de Galicia e ao concello de Santiago asinar un convenio de colaboración que garantirá a prestación do servizo de transporte urbano na parroquia dos Tilos con plena seguridade xurídica, salvando así a incertidume que nestes últimos anos provocara entre os usuarios a proliferación de diversas sentenzas xudiciais que afectaban a este transporte.

En canto ao servizo do denominado corredor Pontevea – Santiago, a directora xeral anunciou que proximamente se procederá a implantar unha harmonización nos servizos que desenvolven as dúas empresas que comparten estas paradas, coa finalidade dobre de, por unha parte, evitar o solapamento entre os autobuses e, por outra, de buscar unhas cadencias de paso uniformes ao longo do día.

Neste sentido, a Xunta de Galicia establecerá franxas horarias con pasos cada trinta minutos ou cada hora, segundo se trate de períodos punta ou val, ao longo do día. En todo caso, o inicio do servizo no corredor, ben nas súas saídas de Santiago, ben de Pontevea, será a horas fixas.

Servizos de interese municipal

Igualmente, a directora xeral anunciou que esta mesma semana remitirá ao concello a proposta definitiva de prestación dos servizos municipais, que o concello prevé implantar no marco do Plan de transporte metropolitano, para que este os someta xa a aprobación polo pleno da corporación. Logo de que sexan aprobados polo concello, os servizos serían implantados pola Xunta de Galicia nos próximos meses.

Estes servizos foron deseñados polo propio concello coa finalidade de atender as súas demandas de mobilidade interior e facilitar o acceso dos veciños aos servizos municipais e ao propio corredor. Resultaralle de aplicación o mesmo sistema de tarifas do conxunto do plan metropolitano, polo que a Xunta de Galicia abonará o 80% das compensacións derivadas das bonificacións nas tarifas e o 100% do custe dos transbordos ou do fomento da recorrencia, e o concello o 20% restante. O concello faríase cargo do déficit destes servizos municipais, no caso de que se xere.

Unha vez que se acade a implantación dos novos servizos municipais, e contando cos resultados positivos da harmonización do corredor, a administración comprometeuse a supervisar a evolución dos servizos, sobre todo da demanda, coa finalidade de introducir novas melloras que atendan máis franxas horarias e, sobre todo, cara as fins de semana e os días festivos.

10 de febreiro de 2014 | 17:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.