A Xunta e o goberno de Cambre preparan un proxecto para aumentar as aulas do Wenceslao F. Flórez

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambre
A-
A+

O xefe territorial de Educación da Coruña, Indalecio Cabana, visitou hoxe xunto ao alcalde de Cambre, Manuel Rivas, e a edil de Educación, María Jesús González Roel, o CEIP Wenceslao Fernández Flórez, co fin de analizar as necesidades estruturais do centro. Tras a desafección da Casa do conserxe que se aprobou en pleno a finais de o  mes de setembro, a Xunta de Galicia comprometeuse a  atender as necesidades educativas e de escolarización para do próximo curso; concretamente para a creación de dúas aulas de Educación Primaria.

A Consellería de Educación e o executivo local, tras as reiteradas demandas do Consello Escolar e a dirección do centro sobre a falta de espazo, propuxéronse  cambiar o uso da vivenda do conserxe e a transformación das dependencias en espazos dispoñibles para usos do colexio.

Durante a visita, o xefe territorial, acompañado de técnico da consellería,  comprobou o espazo da casa que ocupaba o conserxe e as dependencias que actualmente están destinadas á secretaría do centro e a outros despachos administrativos. Mesmo, barállase agora a posibilidade de levar a cabo unha obra que permita crear tres aulas, unha máis das expostas inicialmente.

A administración autonómica realizará agora un proxecto da obra que pensa levar a cabo cando finalice o curso escolar para cumprir co seu compromiso de aumentar as aulas de educación primaria no CEIP  Wenceslao. A directora do centro acompañou en todo momento á delegación autonómica para trasladar as necesidades de espazo que ten o seu colexio. Segundo o alcalde, esta obra permitirá aumentar o espazo docente dun centro público referente da comarca.

Quero agradecer ao xefe territorial o seu compromiso con este municipio. Visitamos os espazos que sufrirán as actuacións para dotar de máis aulas a un colexio que as necesita. Agora é prioritario que a Xunta se poña a traballar no proxecto, xa que as obras deberían comezar en época estival”, apuntou Rivas.

Doutra banda, o responsable de Educación e o técnico da consellería, comprobaron o resultado das actuacións que levaron a cabo no centro durante as vacacións de nadal e que foron sufragadas integramente pola Xunta. En concreto, supervisaron os traballos realizados no patio cuberto, a sala de música, a sala da ANPA e o salón de actos

25 de febreiro de 2014 | 19:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.