publicidade hoxe

A Xunta denegou a Catoira un obradoiro de emprego e varios plans de integración laboral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCatoira
A-
A+

En resposta ás declaracións do PP sobre a solicitude de obradoiros de emprego por parte do Concello de Catoira, cómpre aclarar que o culpable de que neste municipio non se desenvolvan obradoiros desde hai tres anos é responsabilidade do Goberno do PP da Xunta de Galicia e das xestións realizadas tamén polo PP de Catoira.

A realidade é que o Concello de Catoira solicitou no seu momento o obradoiro “Corredoira”, que foi denegado pola Xunta de Galicia, e agora o expediente durme nalgunha estantería ata que o PP de Catoira o esperte. O Goberno local levou a cabo outras accións destinadas a fomentar o emprego. Ante o peche de empresas como Cedonosa e Productos Ulla, o Concello presentou varios programas de integración, información e orientación laboral, dirixidos ós traballadores que quedaron en paro e ós desempregados, pero tamén foron denegados pola Xunta. Esa é a sensibilidade do PP ante os parados de Catoira.

A Xunta de Galicia o que fai é poñer atrancos e prexudicar ó Concello de Catoira para que non poida solicitar obradoiros de emprego, por iso se esixe un mínimo de 500 parados, que en Catoira, afortunadamente, non hai.

Sobre a posibilidade de pedir o obradoiro de forma mancomunada, tamén cómpre matizar que esa fórmula só beneficia ó concello cabeceira, sen garantías de que os alumnos beneficiarios foran desempregados de Catoira. Só serviría para que ese municipio cabeceira, onde se implantaría o obradoiro, se beneficiase de máis recursos e prazas, que adxudicarían exclusivamente a veciños do seu municipio.

O señor Coira debería ter claro que é concelleiro de Catoira e non delegado do concello de Valga en Catoira, e debería defender os intereses dos seus veciños, non os de outros municipios, así que deixe de ser un aprendiz de cacique pipiolo.

28 de febreiro de 2014 | 19:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.