A Xunta aposta por seguir dotando de instalación deportivas os concellos galegos “para promover o exercicio”

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Deportes ▼
A-
A+

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, destacou hoxe a aposta da Xunta por seguir dotando de instalacións deportivas os concellos galegos, “como ferramenta para promover o exercicio físico en todos os colectivos sociais, en beneficio da súa saúde e calidade de vida”.

Durante a visita, esta mañá, ao novo ximnasio municipal de Barreiros, acompañado do alcalde da localidade, Alfonso Fuente, do xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta, Manuel Otero, e da delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, manifestou a súa satisfacción pola posta en marcha desta nova infraestrutura deportiva, coa que “queda cuberta unha necesidade que desde hai tempo viña reclamando o colectivo do deporte na localidade”.

A instalación está aberta ao público desde o pasado mes de outubro e foi construída a través dunha axuda da Secretaría Xeral de Deportes.

O secretario xeral engadiu que este tipo de recursos como este novo ximnasio facilitan os obxectivos do Plan Galicia Saudable que promove o seu departamento e que busca favorecer o benestar de todos os galegos mediante a práctica de exercicio físico e o fomento de hábitos de vida activa.

Logo desta visita, o secretario xeral para o Deporte desprazouse ao Concello de Lourenzá, onde mantivo un encontro coa súa alcaldesa, Emma Álvarez, para tratar sobre diversos aspectos relacionados co deporte na localidade.

A visita a ambos os dous concellos estivo precedida dunha xuntanza co director da escudería Trukart Motorsport, Roberto Méndez, nas súas instalacións da localidade de Rábade.

6 de febreiro de 2014 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.