A xuíza acepta a personación do secretario municipal do Concello de Santiago apartado polo Partido Popular

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
E.P.

A titular do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara, aceptou a personación do secretario municipal que foi apartado polo PP no Concello de Santiago, Javier Castiñeira, a quen recibiu este martes no seu despacho para coñecer os argumentos que motivaban a súa petición.

Tras a súa reunión coa xuíza, o exsecretario municipal mostrou a súa “satisfacción” polo encontro con Pilar de Lara e explicou, en declaracións a Europa Press, que quedou “acreditada” a súa situación para acudirse como prexudicado neste caso que investiga unha suposta trama de pago de subornos a políticos por parte do armazón de empresas do Grupo Vendex a cambio de concesións.

Javier Castiñeira, que aínda que foi citado sen asistencia letrada acudiu acompañado da súa avogada, reiterou a súa vontade de “colaboración” coa xustiza, á vez que destacou o traballo “encomiable” da titular do Xulgado.

O que era secretario municipal até a chegada do PP ao goberno local compostelán presentara o pasado luns un escrito á xuíza De Lara para poder acceder ao sumario e, desta maneira, coñecer tamén o contido que se corresponde coas conversacións nas que se fala da súa substitución.

No sumario recóllese unha conversación telefónica na que o xerente de Aquagest en Santiago até a súa detención, José Luís Míguez, sostén que Gerardo Conde Roia, cando aínda era alcalde de Santiago de Compostela, telefonou unha noite de marzo de 2012 ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para tentar que se axilizase o cambio dos postos de interventor e secretario no Consistorio compostelán, posto que os actuais estaban “a atrasar todo”, en referencia á renovación do contrato coa concesionaria do servizo de augas.

En días pasados, a portavoz do goberno local de Santiago, María Pardo –que non está imputada na ‘Operación Pokémon’– defendeu que tanto o exsecretario, como a que era interventora, foron desprazados dos seus postos “con total lexitimidade” para “pór a persoas de confianza para traballar” co novo goberno.

11 de febreiro de 2014 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.