A XLVI Feira do Cocido de Lalín contará con Punset como pregoeiro e nomeará 10 novos comendadores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLalín
A-
A+

Mañá xornada sabatina, Radio 5 Todo Noticias fará ás 12.30 horas un monográfico especial da Feira do Cocido desde a sala de prensa do Concello; durante toda a fin de semana poderase visitar na Praza da Igrexa e nas rúas Colón e Praza da Torre o mercado de produtos típicos de de artesanía “Lalín, Compromiso de Calidade” e a Oficina Municipal de Turismo situada moi preto da Praza da Igrexa; a partir das 17 horas do sábado os nenos poderán participar no Divercocido no pavillón municipal; ás 19 horas inaugurase a exposición “106 anos de Laxeiro” no Espazo Cultural e a partir das 20.30 horas o Auditorio Municipal acollerá o tradicional Concerto do Cocido O domingo os actos oficiais darán comezo a partir das 10.30 horas na Casa Consistorial coa recepción do pregoeiro Eduardo Punset e co nomeamento dos 10 novos Comendadores: Punset, Nava Castro, Carlos Romero, Pedro López Jácome, Román Rodríguez, Enrique Cerezo, Francisco Millán Mon, Luis Fernández Vilela, María Seguí Gómez e Juan Carlos Escotet

Lalín prepárase para vivir esta fin de semana a XLVI Feira do Cocido, unha das catro Festas gastronómicas de Interese Turístico Nacional en España e co reto de conseguir o recoñecemento internacional nos vindeiros anos. Nesta edición, a 46ª, terá como pregoeiro ao escritor e divulgador científico, Eduardo Punset, e que este ano ao ser o 23 de febreiro cadra co cumpreanos dun dos Fillos Ilustres de Lalín, o pintor  José Otero Abeledo <Laxeiro>, que estará presente no programa de actos da Feira.

A xornada sabatina, día previo ao Día Grande, inclúe un programa de actividades amplo para todas as idades que inclúen desde o Divercocido para os máis pequenos ou a música do tradicional Concerto do Cocido, entre outras moitas, que se describan a continuación.

O día de mañá inclúe a emisión dun programa en directo desde as 12.30 horas da fórmula Radio 5 Todo Noticias, de RNE, desde a sala de prensa do Concello. Será un monográfico da Feira do Cocido, xusto na véspera de que se celebre o Día Grande, que contará con entrevistas do alcalde de Lalín, José Crespo; do gañador nesta edición do Premio Nacional de Periodismo Gastronómico “Álvaro Cunqueiro”, Cristino Álvarez Herrera, <Caius Apicius>, xornalista gastronómico da axencia EFE; do pregoeiro Eduardo Punset e de Daniel González Alén, cronista oficial de Lalín, que estarán presentes no lugar de realización do dito programa. Ademais tamén se realizarán entrevistas en directo telefónicas co recoñecido cociñeiro lalinense, Diego López, do restaurante “La Molinera” que explicará a elaboración dun cocido, e co xerente de “Lácteos Anzuxao”,  Javier Sampayo. É de destacar que este programa de 25 minutos se fai con motivo en directo desde Lalín con motivo de que RNE cumpre 20 anos o próximo 18 de abril, e dentro do ciclo de programas especiais que se van facer desde os 17 centros territoriais.

Ás 13.15 terá lugar unha visita á “Carpa, Lalín Compromiso de Calidade”, mercado de produtos alimenticios e de artesanía, situado na Carpa da Praza da Igrexa e no que participan un total de 62 postos de venda. Debido a gran afluencia de stands neste mercado, o dobre que na pasada edición, os postos ademais de na Carpa que ocupa uns 300 metros cadrados, tamén se disporán ao longo da rúa Colón e da Praza da Torre (onde estarán instalados os stands de artesanía).

En “Lalín, Compromiso de Calidade” poderase atopar pan da “Asociación do Pan de Lalín”, queixo, mel, derivados cárnicos, hortalizas e produtos da horta, licores e así mesmo cestos, madeira, forxa, bixutería, téxtil, etc.  Dos 62 postos, 38 son de Lalín. Haberá presenza tamén de 12 artesáns, algúns individuais e outros da Asociación Galega de Artesáns, que realizarán demostracións como tallas de madeira, coiro, cerámica, téxtil, etc.  O mercado poderase visitar sábado e domingo, de 10 da mañá á 21 horas da noite, ambos os dous días. O sábado pola tarde haberá actuación do grupo “Santiago Apóstol” de Pamplona.

Moi preto do mercado “Lalín, Compromiso de Calidade” atópase a nova Oficina Municipal de Turismo, aberta de 10 a 14 e de 16 a 20 horas durante toda a fin de semana da Feira do Cocido, e que está situada nun punto neurálxico do pobo, ao lado do Km0. Os visitantes que se acheguen a este punto de información turística poderán ver as mans impresas dos últimos pregoeiros da Feira, os carteis da Feira, ademais de atopar diverso material promocional e turístico. Mañá, ás 13.30 horas, entregaranse 50 camisetas coa nova imaxe corporativa da Feira do Cocido deseñadas por Rei Zentolo aos primeiros 50 nenos (de entre 3 e 8 anos) que estean en fila diante da porta da Oficina Municipal de Turismo.

Xa pola tarde, de 17 a 20 horas, no pavillón municipal, os nenos (de 3 a 12 anos) poderán tomar parte no Divercocido, con inchables adaptados para todas as idades e con talleres varios nos que os rapaces poderán participar.

Ás 19.00 horas inaugurarase a exposición “106 anos de Laxeiro. 23-F-1908 / 23-F-2014” Espazo Cultural da Casa do Concello. Son 22 obras cedidas pola familia Alcalde Varela e trátase dunha exposición importante que se organiza con motivo dos 106 anos do nacemento do pintor lalinense que se cumpren o 23 de febreiro, o Día Grande da Feira. No acto está previsto que ademais do alcalde, José Crespo, participe o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, e da familia Alcalde Varela. A exposición poderase visitar ata o próximo 24 de marzo.

Para pechar o programa de actividades do sábado e prepararse para o Día Grande celebrarase a partir das 20.30 horas no Auditorio Municipal o tradicional Concerto do Cocido da Banda de Lalín dirixida por Bram Sniekers. Este ano terá como artista convidado ao clarinete solista lalinense, Jorge García Porral e músico desde o 2000 na Banda Municipal da Coruña. O repertorio do concerto, dunha duración de 45 minutos, estará composto polas seguintes pezas: “Fiestas en Sevilla”, “II Concerto para clarinete”, “Duende” e “La boda de Luis Alonso”.

É de destacar que durante toda a fin de semana haberá animación polas rúas do núcleo urbano. O sábado actuará na Praza da Igrexa o grupo Santiago Apóstol de Pamplona que amenizará a actividade na carpa “Lalín, Compromiso de Calidade” e as rúas próximas ao longo de toda a tarde do sábado. O domingo pola tarde serán as charangas Kilómetro Cero e Moita Troula que amenizarán as rúas do centro e a Praza da Igrexa coa súa música.

PLAN ESPECIAL DE TRÁFICO O DOMINGO

A Policía Local lembra que as rúas do centro urbano (rúa Principal, Joaquín Loriga, Avenida Buenos Aires, Campo da Feira e rúas aledañas ao campo e Avenida da Habana) estarán pechadas ao tráfico na xornada dominical. A estas rúas tamén se engade o acceso restrinxido ao centro urbano para evitar atascos de tráfico. Os autobuses terán áreas habilitadas de aparcamento nas dúas superficies comerciais, nas rúas do entorno do novo Concello e no Agro de Lalín de Arriba.

DÍA GRANDE

O domingo Lalín celebrará o Día Grande da Feira. O programa de actos dará comezo ás 10.30 horas da mañá, coa recepción, na Casa do Concello (Praza de Galicia, 1) do pregoeiro, o escritor e divulgador científico, Eduardo Punset.

De seguido, desenvolverase no hall de entrada do Concello, o XV Capítulo Xeral da Encomenda do Cocido, no que o alcalde de Lalín, José Crespo, nomeará a 10 novos Comendadores: o pregoeiro Eduardo Punset; o presidente do Atlético de Madrid, produtor e distribuídor cinematográfico, Enrique Cerezo; a directora da Axencia Galega de Turismo, Nava Castro;  o eurodeputado, Francisco Millán Mon; Juan Carlos Escotet, propietario de Banesco; Pedro López Jácome, directivo de Banesco e de nai lalinense; María Seguí, directora da DGT; Luis Fernández Vilela, empresario de Lalín, director xeral de Coreti; Carlos Romero Caramelo, presidente da Fundación Universitaria San Pablo-CEU e Román Rodríguez González, tenente de alcalde de Lalín e deputado no Parlamento de Galicia.

Sobre as 12.00 horas, o alcalde, o pregoeiro e autoridades abrirán a Feira e farán o tradicional percorrido visitando o mercado “Lalín, Compromiso de Calidade” na Praza da Igrexa. De seguido, Punset, que será presentado polo xornalista gañador do Premio “Álvaro Cunqueiro”, <Caius Apicius>. Seguiralle o desfile de carrozas, charangas e comparsas que este ano abrirá os Cabezudos de Viana do Castelo.

Lembrar que durante toda a xornada dominical se poderá visitar o mercado “Lalín, Compromiso de Calidade” na Praza da Igrexa, na rúa Colón e na Praza da Torre e visitar a Oficina de Turismo, situada moi preto da Praza da Igrexa. Ademais haberá música durante a tarde a cargo das charangas Kilómetro Cero e Moita Troula.

21 de febreiro de 2014 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.