A Torre de Hércules conta cun novo servizo gratuíto de visitas guiadas para grupos de até 15 persoas
O Consorcio de Turismo, que preside Luisa Cid, ampliará a partir do próximo sábado, 8 de febreiro, a oferta da Torre de Hércules cun novo servizo de visitas guiadas ao monumento, Patrimonio da Humanidade desde o ano 2009.
O novo programa de visitas está dirixido a todas aquelas persoas que a título individual desexan visitar a Torre de Hércules e contar ademais coas explicacións dun guía, unha figura habitual nos grupos organizados que programan centros escolares, asociacións veciñais, axencias de viaxes e demais colectivos.
As persoas interesadas deben chamar ao teléfono 981 223 730, onde poderán elixir o día e a hora da visita. O Consorcio de Turismo estableceu os seguintes días e horarios: de martes a venres ás 16.00 horas e sábados e domingos ás 11.00 e ás 16.00 horas. Cada visita terá un aforamento máximo de 15 persoas.
O percorrido, dunha hora de duración, comezará ao pé do monumento, no Centro de Interpretación e Atención ao Visitante (CIAV), xa que a visita, ademais do interior da Torre de Hércules, inclúe dita instalación.
Estas visitas guiadas non suporán un custo adicional, polo que os participantes só deberán abonar o prezo da entrada ao monumento: 3 euros a tarifa xeral; 1,50 euros para menores de 14 anos, usuarios do carné novo e maiores de 65 anos. Os menores de 4 anos non pagan entrada.











