A selección galega júnior acada a prata na categoría feminina e bronce na xeral no Campionato de España

Unha das probas do campionato
Galicia logrou un total de nove medallas (tres ouros, dúas pratas e catro bronces) no Campionato de España júnior de Combate, que se celebrou hoxe en Pontevedra. Hai que destacar especialmente o bo rendemento do equipo feminino, que logrou un total de sete medallas (tres ouros e catro bronces) e con estes resultados Galicia logrou a prata por equipos na categoría feminina e o bronce na xeral.
Laura Dosil (-59 quilogramos), que o pasado ano fora bronce, logrou proclamarse campioa de España tras superar na gran final á Marta Granell (Cataluña) por 5-2. Con anterioridade tivo que superar tres combates. No primeiro foi moi superior á representante da Rioxa Lucía Villoslada (8-0), para posteriormente enfrontarse nun choque moi axustado á deportista de Madrid Olivia Robles (4-5) e nas semifinais gañou a Laura Pérez, de Castela e León (4-2).
Ademais tamén logrou o ouro a viguesa Ruth Tilve (-44). Na primeira rolda eliminou a Iratxe Andrés (Euskadi), mentres que na semifinal superou a Natalia Nuez (Valencia) por un resultado de 9-7. Xa na final, Ruth tivo que enfrontarse á deportista catalana Gema Sardina e logrou a vitoria por un resultado de 3-1.
O terceiro ouro galego foi para Sabela López, que revalidou o título acadado o pasado ano no peso pesado. A galega logrou o triunfo na semifinal contra Euskadi por un rotundo 6-0, e na final superou a representante andaluza Isabel Auxiliadora Bueno nun emocionante combate. Chegaron ao final dos tres asaltos con empate no marcador (1-1) e todo se decidiu no punto de ouro a favor da galega, que repetiu título.
Dúas pratas. Agustín Carou (78 quilogramos) gañou primeiro a Miguel Ángel Pérez (Andalucía) e despois superou na semifinal a Aragón nun espectacular combate (13-12), pero na final caeu derrotado fronte ao representante madrileño Víctor García (18-5). Pola súa banda, Andrés Freijeiro (-59) logrou clasificarse para a final ao superar na semifinal ao representante de Andalucía nun gran combate por un apertado 6-5. Na final non puido con Joan Josep Oliver (Baleares), que precisamente eliminara na primeira rolda ao tamén galego Adrián Núñez.
Ademais houbo catro bronces para as deportistas galegas. Beatriz Parada (-49) logrou a medalla de bronce, tras perder na semifinal contra Madrid nun apertado combate que rematou con empate no marcador (8-8). Finalmente, foron os árbitros os que lle deron o triunfo á taekwondista Lydia García e Parada quedou fóra da final e coa medalla de bronce no peto.
En -63 quilogramos houbo dúas medallas galegas: Myriam García, que este ano cambiou de categoría e lograra o pasado ano o título en cadete, gañou na primeira rolda a Paula Bono (C. Valenciana) e perdeu na semifinal contra Cecilia Castro, de Madrid (3-0), polo que acadou o bronce, igual que Ainhoa Ramos, quen superou nas primeiras roldas ás representantes de Aragón e Andalucía, para caer despois na semifinal 2-1, contra Jone Magdaleno (Euskadi). En pesado, tamén houbo dobrete para Galicia, xa que no podio Sabela López (ouro) estivo acompañada por Antía Pérez, que logrou o bronce tras superar á catalá Susana Guerrero e perder na semifinal contra á andaluza Isabel A. Bueno (2-0).
O torneo, que se celebrou en sesións de mañá e tarde no IMD de Pontevedra con seis tapices, contou coa presenza de 278 participantes nados nos anos 1997, 98 e 99. O taekwondo galego estivo representado por 28 deportistas (14 na categoría masculina e 14 na feminina).











