A rexedora mosense reúnese coa ministra de Fomento para buscar solucións á A-55

A alcaldesa de Mos coa ministra de Fomento
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, trasladouse onte ata Madrid para reunirse coa ministra de Fomento, Ana Pastor, en relación á Autovía A-55 (Vigo-Porriño) e ó informe sectorial da administración estatal sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal mosense.
No referente á A-55 a rexedora local pediulle á ministra que a solución á mesma non perxudique a Mos, Concello históricamente damnificado por numerosas infaestruturas tales coma autovías, autopista, aeroporto de Peinador, redes ferroviarias, etc. Entre todas as infraestruturas que pasan ou se atopan instaladas no municipio mosense, esta localidade conta xa con 12 millóns de metros cadrados de afeccións; cifra que lamenta a alcaldesa e pide que non se incremente máis.
Respecto do encontro de onte con Pastor, Arévalo amosouse satisfeita “porque por fin dende un Ministerio se nos escoita, feito sen precedentes que nunca antes ocurrira”, declaraba hoxe a alcaldesa, quen falou ó respecto dos antecedentes da proxectada nova autovía Vigo-Porriño, en cuio trazado non se defenderon os intereses de Mos “xa que non o fixo nin a por aquel entonces rexedora local mosense, María Jesús Escudero, nin os que foron ministros de Fomento naquel momento, Magdalena Álvarez e José Blanco, nin o presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño”.
Neste sentido Nidia Arévalo lembra que Mos é o cuarto Concello industrialmente máis importante da provincia de Pontevedra e, ademais de ser “a porta de Vigo”, ten nas súas fronteiras asentado o aeroporto de dita cidade; “é por elo que ten que ser tratado conforme a súa importancia e tendo en conta ós seus 15.000 habitantes que xa se ven perxudicados por demasiados metros cadrados de afeccións”.
PXOM e estudio informativo
Agora é un momento crucial para o Concello de Mos tamén por outro motivo, que o municipio está pendente da aprobación do seu PXOM, trámite, segundo explica a alcaldesa Nidia Arévalo, “no que leva 12 anos de retraso respecto doutras localidades da área ás que a mosense debería levarlle vantaxe e ir á cabeza ó estar á porta e ser a ‘entrada’ á principal cidade de Galicia, Vigo”. E é que a ausencia de Plan Xeral impediu o desenrolo dun casco urbán en Mos, entre outros perxízos que deixaron ó Concello á cola dos municipios da área de Vigo, cando debería ir en cabeza.
Tras a reunión de onte Arévalo dí sentir que Mos tamén é importante e que por fin se lle vai ter en consideración dende o Goberno Central ó haber podido comprobar de primeira man a intención do Ministerio de Fomento de buscar unha solución ós accidentes de tráfico na A-55 sen ter que sentenciar de novo ó municipio mosense cunha infraestrutura a maiores.
A este respecto o Ministerio de Fomento atópase xa ultimando un estudio con INECO para valorar e estudiar as solucións a curto, medio e longo prazo do proxecto da A–55 para mellorar a súa seguridade e evitar accidentes.
Sobre dito estudio Nidia Arévalo asegura ser optimista e espera que “coas solucións a curto e medio prazo para a A-55 se poida evitar unha nova autovía Vigo-Porriño e as consecuentes novas afeccións que iso suporía para Mos”.











