A rede Galiña Azul sumará para o curso 2015-2016 a escola infantil de Xuvia con 82 prazas

A directora xeral de Familia e Inclusión na reunión co alcalde de Narón
A rede de escolas infantís autonómica A Galiña Azul xestionará, a partir do curso 2015/2016, un centro de 82 prazas en Narón. Así llo comunicaron hoxe a directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, e o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Roberto Rodríguez, ao alcalde de Narón nunha xuntanza en Santiago. Deste xeito, a Axencia Galega de Servizos Sociais asumirá a partir de setembro de 2015 a xestión da escola de Xuvia, que foi construída polo Concello.
Este novo centro será o sexto da rede autonómica na comarca, onde xa conta cunha escola infantil de 56 prazas en Ares, outra de 61 prazas en Fene e as de Caranza, Virxe de Chamorro e Catabois en Ferrol, de 41, 53 e 82 prazas, respectivamente.
A incorporación da escola de Narón á rede autonómica enmárcase nunha planificación de incremento da oferta 0-3 que a Consellería de Traballo e Benestar vén desenvolvendo dende o ano 2009 e que xa permitiu a creación de máis de 3.000 novas prazas. É esa planificación a medio e longo prazo a que permite agora a Benestar fixar unha data de incorporación desa nova escola á rede.
Financiamento doutras escolas en Narón
En materia de escolas infantís 0-3, a Xunta de Galicia colabora xa no funcionamento doutros tres centros municipais, as escolas de A Solaina, Piñeiros e A Gándara, para as que o Goberno local recibe anualmente financiamento autonómico. Neste senso, é preciso lembrar que entre 2012 e 2013 o Concello recibiu preto de 258.000 euros para o mantemento das tres escolas.
Plan Demográfico
A posta en marcha de prazas públicas en escolas infantís de 0-3 anos é un dos obxectivos fundamentais do Plan de Dinamización Demográfica de Galicia, que conta con 69 medidas, e que pretende mellorar a conciliación da vida familiar, laboral e persoal dos galegos e galegas.











