publicidade hoxe

A Policia Local de Soutomaior achega a seguridade viaria aos nenos do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+
Charla de educación vial

Charla de educación vial

A Policía Local de Soutomaior, en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico de Pontevedra, está a levar a cabo unha campaña para concienciar aos máis pequenos do municipio sobre a importancia da seguridade viaria. Por terceiro ano consecutivo, ao redor de 250 alumnos, entre Educación Infantil e Primaria, dos centros educativos do Concello de Soutomaior recibirán nas súas clases unha serie de charlas sobre educación viaria impartidas polo xefe da Policía Local de Soutomaior.

Durante estas charlas, os pequenos aprenden como deben comportarse cando son pasaxeiros nun vehículo, coñecer a importancia do cinto de seguridade e que normas deben seguir cando circulan como peóns. O seu principal obxectivo é concienciar aos nenos da importancia da seguridade viaria na súa vida diaria, así como inculcarlles valores de respecto cara aos demais e mostrarlles unha imaxe da Policía Local máis próxima.

Durante esta semana, puideron gozar destes coloquios máis dun centenar de nenos e nenas da Escola Unitaria de Romariz e o CEIP Manuel Padín Truiteiro. Nestas visitas o xefe da Policía Local expuxo aos nenos unha serie de conceptos básicos de educación viaria a través de proxeccións de debuxos animados e xogos didácticos cos que se lles pretendeu familiarizar co recoñecemento de sinais, cores, luces…. Ao terminar a charla, premiando a atención e o seu bo comportamento, os nenos recibiron uns brazaletes reflectores e unha guía do peón onde se recollen os comportamentos cívicos e responsables máis importantes para os viandantes. Ademais, nas próximas citas con alumnos de Educación Infantil, tamén se lles fará entrega dun folleto informativo sobre os sistemas de retención dos vehículos.

Desde a Policía Local insístese na eficacia desta clase de programas, xa que consideran a educación como un dos alicerces fundamentais na prevención de accidentes de tráfico xa que o factor humano está detrás da gran maioría das incidencias viarias.

20 de febreiro de 2014 | 20:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.