A Policía Local de Ferrol realizou en 2013 un total de 1.320 actuacións
A Concellería de Seguridade e Mobilidade, a través da Xefatura de Policía Local de Ferrol, deu conta hoxe da memoria de actuacións en materia de tráfico levadas a cabo polo corpo de seguridade local durante o pasado exercicio de 2013. O edil responsable da Área, Pablo Cal, aproveitou a presentación desta memoria para lembrar que unha das primeiras medidas levadas a cabo polo Goberno Municipal foi a de potenciar a Unidade de Atestados e Investigación de Accidentes, co incremento dun membro máis por cada equipo de traballo, chegando na actualidade aos quince compoñentes. Así as cousas, e dentro desta reordenación da Policía Local, implantouse o Plan de Seguridade Viaria, que trouxo consigo a posta en marcha dunha unidade específica dentro da estrutura organizativa da corpo: A Unidade de Seguridade Viaria e Mobilidade, que facilitou os datos de intervencións feitas ao longo do ano anterior.
Segundo o balance desta Unidade de Seguridade Viaria e Mobilidade, en 2013 fixeron un total de 1.320 intervencións en materia de seguridade viaria. Deste total, os axentes actuaron en 921 accidentes -77 menos que no ano 2012-, dos cales 71 derivaron nun atestado, é dicir, un 7,7%. Preto do 75% dos atestados tramitados, foron por un presunto delito contra a seguridade viaria, mentres que o 25% restante responde a un resultado lesivo grave nas persoas, incluíndo un falecemento. Do exame desta tipoloxía delictiva obsérvase que a principal figura delicuencial é a condución baixo os efectos do alcohol ou as drogas cun 44,96% dos casos.
Un exame pormenorizado do ano 2013 mostra unha tendencia estable en sinistros, variando entre un máximo de 87 accidentes, correspondente ao mes de maio e un mínimo de 61, no mes de agosto, o que supón a intervención entre dous e tres accidentes de tráfico ao día. Así mesmo, o día da semana e a franxa horaria en que se rexistrou unha porcentaxe maior de sinistros foi os venres -18%, entre as 12 e as 14 horas-. Ademais, un 76% dos accidentes no municipio ferrolán se rexistraron na zona urbana e os restantes na rural.
En canto aos viarios urbanos, os que tiveron maior número de accidentes foron os situados no barrio de San Xoán-Bertón (20%). Entre as principais causas de accidente, destacan a impericia e distracción momentánea na condución, a calzada deslizante , a condución baixo os efectos do alcohol ou drogas, e as colisións por efectuar unha manobra de marcha atrás.
Puntos de Concentración de Accidentes (PCA)
A Unidade de Seguridade Viaria e Mobilidade da Policía Local ten identificados seis Puntos de Concentración de Accidentes (PCA), en función dos sinistros registrados o exercicio pasado: dous ubicados no barrio de Esteiro, un na Magdalena e outros tres en San Xoán-Bertón., principalmente entorno ao centro comercial Alcampo. A Policía tamén resalta como punto a ter en conta a glorieta da intersección de FE-13 coa Estrada de Castela, dado que ao longo de 2013 tiveron lugar neste punto dous accidentes cunha relevancia importante: un falecido e un ferido grave.











