A Policía Local coruñesa participa nunha campaña da DXT para mellorar a seguridade viaria de camións e furgonetas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O departamento municipal de Mobilidade e Seguridade Cidadá, a través da Policía Local, participa nunha campaña especial de vixilancia e control de camións e furgonetas organizada pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT). Este servizo realizarase durante unha semana, entre o luns 10 de febreiro e o domingo día 16.

O Concello da Coruña colabora así nunha nova campaña da DXT dentro do seu compromiso de apostar por unha mellor coordinación co resto de administracións para garantir unha maior seguridade en materia de mobilidade. A Policía Local inspeccionará tanto os vehículos (autorizacións e documentos, condicións técnicas e elementos de seguridade) como aos condutores (permiso e tempos de condución, descansos e alcol).

Con esta campaña, o Goberno municipal e a Dirección Xeral de Tráfico queren concienciar aos condutores de camións e furgonetas da importancia dunha correcta sujeción da carga, pois calquera desprazamento da mesma incide sobre a estabilidade do vehículo. De feito, a incidencia de saída da vía e de vuelcos é máis alta en camións e furgonetas cando se produce unha carga excesiva ou está mal colocada. Ademais, provoca un maior risco para os ocupantes doutros vehículos, especialmente dentro do centro urbano: en 2012, dos 515 falecidos en accidentes de tráfico nos que estiveron implicados camións ou furgonetas nas estradas españolas o 64% dos mortos eran ocupantes doutros vehículos ou peóns, unha porcentaxe que se eleva até o 69% en vías urbanas.

O Concello, a través da Policía Local, colabora nesta campaña especial coa DXT porque comparten o obxectivo común de reducir o número de feridos e falecidos en accidentes de circulación, é dicir, aproveitar esta iniciativa para mellorar a seguridade viaria. Así, o departamento de Mobilidade e Seguridade Cidadá recompilará os resultados desta campaña para, unha vez terminada, remitirllos á Dirección Xeral de Tráfico, que á súa vez enviará ao Concello os informes e as conclusións finais.

2 de febreiro de 2014 | 19:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.