A parroquia de Reis inicia esta fin de semana o Entroido no Concello de Teo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

O Concello de Teo comeza a celebrar o entroido esta fin de semana, concretamente o sábado e o domingo na parroquia de Reis. Durante as dúas xornadas a comitiva festeira percorrerá as aldeas para rematar co atranque entre os xenerais, figura esencial deste entroido tradicional da comarca do Ulla.

As comparsas e os xenerais sairán o sábado a media mañá do campo da festa cara a aldea de Coira e pasarán polo Freixeiro, Valiñas, Samar, Pazos, Monteselo, Piñeiro, A Freiría, a Ribeira e rematarán no campo da festa. O domingo sairán pola mañá de novo do lugar de encontro, o campo da festa, cara o Ferreiriño e pararán en Chao do Río, Outeiro, o Calvario, a Ribeira, no local da Pontevella onde comerán para encarar a tarde achegándose a Olveira, Xermeade, Pontevea e volverán a rematar no campo da festa. Sen dúbida un dos momentos máis vistosos deste entroido ademais dos enfrontamentos dialécticos entre os xenerais é a tarde do domingo no núcleo urbano de Pontevea, no entorno da ponte do río Ulla.

Reis é unha parroquia con gran tradición na celebración do entroido dos xenerais da Ulla. Boa mostra é a cantidade de persoas que irán a cabalo, un total de quince entre xenerais, correos que sempre van en número par xa que se enfrontarán logo nos atranques e un abandeirado que será o que vai abrindo o desfile. Os coros de vellos e bonitos coas súas coplas son outro dos elementos desta celebración festiva, así como o demo, un personaxe característico do entroido de Reis que non aparece noutras parroquias teenses. Veremos se este sábado e domingo fai a súa aparición…

O atranque, que se fará os dous días, será no campo da festa. As coordenadas GPS do campo da festa de Reis son as seguintes: 42º 46´17.9″/ 8º 33´10.1″ 

O entroido dos xenarais da Ulla foi declarado en setembro do ano pasado festa de interese turístico pola Xunta de Galicia. Este entroido celébrase tamén nos concellos da Estrada, Boqueixón, Santiago, Silleda, Touro, Vedra e Vila de Cruces.

Tapas de entroido

Pola súa banda hoxe comezou o concurso de tapas do entroido no Concello de Teo, unha das iniciativas de promoción do entroido. Este festa está moi vinculada coa gastronomía xa que nestas semanas o cocido, as filloas ou as orellas son platos que se degustan en moitas casas. Desta volta en Teo poderanse probar tamén nos bares e restaurantes en forma de petiscos. O requisito para participar é que a tapa debe ser elaborada con produtos típicos do entroido. Esta cita gastronómica no Concello de Teo comezou hoxe e remata o 9 de marzo. O alcalde de Teo, Martiño Noriega, así como varios concelleiros achegáronse a varios locais este mediodía coincidiendo co inicio do concurso.

21 de febreiro de 2014 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.