A neve deixa sen clase a un total de 290 alumnos de 16 centros de Ourense e Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoOurense
A-
A+
E.P.

A presenza de neve na rede viaria galega deixou sen poder acudir ás aulas este martes a 290 alumnos de 16 centros da provincia de Ourense e Lugo, dos cales tres suspenderon as clases.

Así o indicaron fontes da Consellería de Educación, que precisaron que 233 alumnos ourensáns quedaron sen clase e outros 57 na provincia de Lugo.

Os dous centros ourensáns que suspenderon as clases este martes pola neve están situados nos municipios de montaña da Gudiña e A Mezquita.

Ademais, os outros centros nos que non puideron acudir a clase algúns alumnos atópanse nas localidades ourensás de Castrelo de Val, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Pobra de Trives, Riós, A Veiga, Viana do Bolo e Vilariño de Conso.

Pola súa banda, na provincia de Lugo quedaron sen acudir ás aulas 57 alumnos de seis centros educativos, un dos cales suspendeu as clases no municipio de Cervantes.

Ademais, o resto de escolares lugueses afectados pola neve son de centros que se sitúan nas localidades de Becerreá, Folgoso do Courel, Cervantes, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro.

11 de febreiro de 2014 | 13:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.