A mostra sobre o Alemán de Camelle recala na casa da Cultura de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioSan Sadurniño
A-
A+

Unha navalla, un reloxo, esculturas, fotografías, cadernos… Pequenos obxectos que parecen traídos pola marea e que nos axudan a entender quen foi Manfred Gnädinger, Man, o Alemán de Camelle. Un persoeiro tinguido de incógnitas que viviu pegado ao mar construíndo arredor del tanto unha vida anacoreta como un universo creativo propio. A mostra que ata o 18 de febreiro estará aberta na casa da Cultura tenta achegar luz sobre as moitas sombras que envolven a súa figura e a súa arte un tanto naïf que mesmo era un xeito de se comunicar cos demais.

Manfred Gnädinger chegou á Costa da Morte en 1962. Instalouse en Camelle, no concello de Camariñas, onde, segundo se conta, chamaba a atención pola súa elegancia e polo seu estilo de vida, ocupando as horas en pintar e esculpir. Andando o tempo disque foi un mal de amores quen o converteu no artista solitario e enxoito que se faría mundialmente famoso co desastre do Prestige. O barco foi ao fondo o 19 de novembro e nos días seguintes a costa galega quedou tinguida de negro. Crese que foi a pena de ver o seu mundo estragado o que matou a Man, o Alemán de Camelle, mes e medio despois. 

Co gallo do aniversario da catástrofe marítima e da morte de Man, a fundación que leva o seu nome iniciou unha mostra itinerante sobre a súa traxectoria vital e creativa. A exposición quere ser unha reivindicación do seu legado e memoria, expresada desde a faceta dun creador coherente, lúcido e profundo que levou unha forma de vida alternativa. 

“Man, o Alemán de Camelle” está composta por obxetos persoais, fotografías de grande formato e obras da súa creación, sobre todo esculturas de materiais reciclados, fotos en branco e negro –autorretratos e de recoñecemento da súa obra– e libretas con bocetos.

3 de febreiro de 2014 | 12:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.