A Lomba é de uso preferente pero non exclusivo do club Arousa SC

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

 Tanto o goberno local coma a comisión de exdirectivos do Arousa coinciden en que o campo municipal da Lomba é de uso preferente por parte do Arousa SC pero non exclusivo, de xeito que o estadio pode e debe ser utilizado por outros clubs da cidade. Así se puxo de manifesto na reunión que ambas partes mantiveron na tarde do pasado xoves; unha xuntanza que transcorreu nun clima de cordialidade e de clara intención de colaboración presente e futura.

Na reunión, o alcalde, Tomás Fole, e a presidenta da Fundación de Deportes, Elena Suárez, transmitíronlle á comisión de apoio ao Arousa practicamente o mesmo que semanas antes xa lle explicara á actual directiva do club. É dicir, que recoñecendo o carácter de referente do deporte local, o Arousa ten que compartir os medios que existen coa multitude de equipos e disciplinas deportivas que afortunadamente desenvolven a súa actividade no municipio.

Neste sentido, o concello colaborará con este club como cos demais, do mesmo xeito que espera que estes traballen conxuntamente co concello para lograr a utilización máis óptima das instalacións. O alcalde insistiu na idea xa coñecida: o goberno local traballa na construcción dun novo campo de fútbol de herba artificial, o que sen dúbida aliviará a demanda de horas que existe na actualidade. Cando este campo sexa unha realidade, será entonces cando haberá que replantearse os criterios de utilización das distintas instalacións existentes.O rexedor transmitiulle á comisión a idea de que se poida concentrar a actividade dun club nun campo determinado, de xeito que así os clubs mellorarán a súa intendencia e tamén a Fundación poderá exercer mellor a súa labor.

No ámbito concreto de Arousa SC, na reunión falouse da próxima construcción da cantina, na que o Concello colaborará dende o asesoramento técnico, e da necesidade de evitar que Arousa e Arousana coincidan nunha mesma fin de semana, o que é moi prexudicial para a conservación do campo, polo que se mediará ante a Federación que faga compatibles os calendarios. Igualmente, falouse do mantemento do campo, e neste sentido ambas partes coincidiron na necesidade de que club e Fundación colaboren, despois de recoñecer que o primeiro non conta cos medios necesarios para un mantemento correcto e profesional do terreo de xogo, o que non quita para que se busquen fórmulas para axilizar a relación entre o club e a Fundación.

28 de febreiro de 2014 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.