A Laracha reduciu a débeda nun 75% en 2013 e pecha o exercicio cun remanente de tesourería de 163.400 euros
O balance da liquidación do exercicio económico do ano 2013 volve poñer de manifesto a boa situación económico-financeira na que se atopa o Concello da Laracha, froito da xestión e das políticas desenvolvidas polo goberno municipal. Seguindo os trámites legais, o informe foi aprobado por decreto de Alcaldía e darase conta do mesmo á Corporación no próximo Pleno.
Como magnitudes máis importantes, salientar que a débeda viva foi reducida no curso pasado nun setenta e cinco por cento do total do pasivo despois de que no mes de decembro se realizase a amortización anticipada de varios créditos con entidades financeiras. Os pagos alcanzaron os 960.000 euros, que se financiaron co remanente do exercicio económico anterior, segundo o estipulado na Ley Orgánica de Estabilidad Presupuestaria y Sostenibilidad Financiera.
Previsiblemente, o Ministerio de Facenda establecerá modificacións na citada norma durante o presente curso, o que posibilitaría ás administracións que cumpran cunha serie de condicionantes dispoñer dos remanentes para financiar investimentos en infraestruturas públicas, tal e como sería a pretensión do goberno local. En 2013, o remanente líquido de tesourería no Concello da Laracha ascendeu a 163.400, o que se explica porque se adiantou o pagamento, con fondos municipais, de actuacións cofinanciadas por programas doutras administracións e cuxas subvencións quedaran, a final de ano, pendentes de ser ingresadas. En concreto trátase das obras de ampliación do paseo marítimo de Caión (que contou coa colaboración económica da Consellería do Mar e do Medio Rural a través do GAC 3 Costa da Morte), a mellora dos accesos ao parque empresarial da Laracha (proxecto promovido conxuntamente con Carballo e que foi subvencionado pola Consellería de Economía e Industria) e determinadas actuacións que formaron parte do POS (Deputación Provincial da Coruña).
A prudencia e realismo do grupo de goberno local á hora da elaboración dos orzamentos xerais tamén é visible, un ano máis, nos datos de liquidación do exercicio económico. O presuposto para o 2013 (aprobado en decembro de 2012) ascendía inicialmente a 6.627.963,56 euros. Ao seu peche, o incremento foi próximo ao dez por cento con respecto á previsión, situándose nos 7.213.039,39 euros, dos cales 1.082.000 euros foron destinados a investimentos reais en infraestruturas e uns 650.000, á prestación de servizos sociais (esencialmente, servizo de axuda no fogar, mantemento dos tres locais sociais da terceira idade, organización de actividades e achegas municipais á escola infantil e ao centro de día e fogar residencial).
Outro dato relevante é o resultado orzamentario, que reflicte a diferenza entre os dereitos e as obrigas recoñecidas. Esta magnitude alcanza os 740.858,50 euros en positivo, sendo un fiel indicador de que o peche do próximo exercicio económico (o que está actualmente en curso) deixará un elevado remanente líquido de tesourería que se incorporaría aos orzamentos do ano seguinte.
Nunha situación como a actual, o Concello da Laracha enorgullécese de presentar unhas contas saneadas, centradas no esforzo investidor, na prestación de servizos á poboación e no apoio económico tanto aos estudantes (55.000 euros en bolsas municipais) como aos diferentes clubs deportivos, comisións de festas e asociacións culturais e educativas que realizan unha importante labor ao longo de todo o ano.
A boa situación financeira tamén posibilitou no pasado exercicio conxelar as taxas e impostos municipais e realizar o abono aos provedores nun curto espazo de tempo, sendo o período medio de pago das facturas de unicamente trece días no último trimestre do ano pasado.











