A Laracha presenta ao Inega un proxecto de aforro enerxético
A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha reuniuse hoxe martes nunha sesión ordinaria na que o punto máis salientable da orde do día foi aprobar a proposta de participación do Concello da Laracha na convocatoria de subvencións do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) para o desenvolvemento de proxectos de aforro e eficiencia enerxética.
A actuación promovida polo Concello da Laracha incluirase nunha solicitude conxunta de oito municipios (os sete da comarca de Bergantiños máis Arteixo), xa que a agrupación de concellos é un dos criterios que se valorará á hora da concesión das axudas, segundo estipulan as bases da convocatoria.
O Concello da Laracha pretende obter por medio desta liña de subvencións o financiamento necesario para renovar as instalacións de iluminación pública exterior en dous tramos da avenida Fisterra ao seu paso pola capital municipal: un sería desde a confluencia desta vía principal coa rúa Santa Lucía e ata o cruce coa rúa Eusebio Bértoa Queijo (saída do casco urbano da Laracha en dirección Carballo); o outro tramo vai desde o entronque da Avenida Fisterra coa rúa Baldomero Fraile e ata despois do núcleo de Cillobre (saída do casco urbano da Laracha en dirección Paiosaco).
Ambos tramos da estrada están a ser dotados actualmente con beirarrúas, un proxecto co que se completará o trazado en toda a lonxitude da Avenida Fisterra ao seu paso polo casco urbano da Laracha e que está a desenvolver e financiar integramente a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia como titular da vía. O proxecto que agora presenta ao Inega o goberno municipal precisamente ten por finalidade completar a mellorar os servizos públicos que se prestan tanto a vehículos como a peóns, neste caso no referido ao alumeado público.
A actuación deseñada inclúe a renovación de máis dunha trintena de puntos de luz na procura dun dobre beneficio: ademais de mellorar a iluminación nesas zonas residenciais, reduciríase o consumo eléctrico ao ser a nova instalación máis eficiente enerxeticamente e, por tanto, sería menor o custo do servizo para as arcas municipais.
A iluminación pública supón anualmente un gasto próximo aos 250.000 euros para o Concello da Laracha, cifra que se pretende reducir a través deste tipo de proxectos de eficiencia enerxética que permiten manter a calidade do servizo, pero a un custo menor. Outras medidas tomadas polo goberno local durante os últimos anos para reducir o consumo eléctrico foron dotar aos equipos en uso con redutores de fluxo e reloxos astronómicos, ademais de deixar en funcionamento soamente o cincuenta por cento dos focos durante a madrugada en determinadas zonas dos núcleos urbanos.











