A Laracha elabora un plan especial para poñer en valor elementos do patrimonio histórico-cultural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

A importancia histórica do Concello da Laracha é visible en todo o termo municipal cunha simple ollada a varias igrexas parroquiais (especialmente, o mosteiro de San Pedro de Soandres), capelas, cruceiros, casas reitorais, pazos (por exemplo, o dos Condes de Graxal na praza Eduardo Vila Fano de Caión) ou edificacións como o hospital dos peregrinos de Montemaior (hoxe convertido en centro sociocultural).

Ademais disto, no termo municipal existen outros elementos que non tan visibles nin coñecidos para a veciñanza en xeral, pero que tamén posúen unha enorme relevancia cultural e que están protexidos polo Catálogo de Patrimonio do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) requiríndose, por tanto, da autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para acometer calquera tipo de actuación.

Desde hai anos o goberno local está dando os pasos necesarios para recuperar e poñer en valor os elementos máis destacados dese catálogo e sobre os que a día de hoxe non é posible acometer unha intervención municipal ao ser de propiedade privada.  Trátase das Torres de Cillobre, a pedra fita Marco da Anta, o Forno dos Mouros e os castros de Montesclaros, A Pena e Santa Baia.

Co obxectivo de garantir a súa máxima protección e poñelos en valor, o Concello da Laracha iniciou a redacción dun Plan Especial no que se incluirán os citados elementos,  o que suporá o inicio da tramitación urbanística para cualificalos como sistemas xerais posibilitando sentar as bases para que pasen a ser de titularidade pública. O documento está a ser elaborado segundo o estipulado na Lei do Patrimonio Cultural de Galicia.

As Torres de Cillobre é unha fortaleza datada no século XIV situada na vila da Laracha. Tivo unha gran relevancia na época feudal ao pertencer a familias nobres como os Gómez Pérez das Mariñas. Sufriu as consecuencias dos ataques irmandiños e hoxe en día aínda se conservan parte do muro perimetral e a vivenda da torre. Trátase dun dos símbolos municipais máis coñecidos ao aparecer representado no escudo do Concello da Laracha.

A pedra fita Marco da Anta (tamén coñecida como Pedra do Ghicho) é o único exemplar deste tipo na Costa da Morte. Sitúase nas inmediacións do núcleo de Loureiro, na larachesa parroquia de Erboedo e preto do linde co veciño municipio de Arteixo. Os estudos realizados sobre este monumento indican que se trata dun menhir que alcanza os dous metros de altura, debuxa unha forma características de pedra apuntada de lados asimétricos e posúe calzos na base.

O Forno dos Mouros trátase dun conxunto megalítico emprazado no lugar de Silvoso (Soandres) que está composto por tres mámoas de considerables dimensións.

Os outros tres elementos que se incluirán no Plan Especial son os máis relevantes xacementos castrexos existentes no municipio, pertencentes á idade de ferro. O castro de Montesclaros é do de maior tamaño –segundo estudos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, é un dos máis grandes dos que están catalogados en Galicia- e sitúase na parroquia de Vilaño. A croa de Santa Baia (en Soandres) é o mellor conservado. O castro da Pena e o outro asentamento que se incluirá no documento debido á zona na que está situado.

Varios destes seis elementos xa foron obxecto dunha visita por parte dos que nese momento eran os máximos responsables da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural na que, xunto a membros do goberno local da Laracha, puideron coñecer o seu estado actual e analizar as posibles intervencións a levar a cabo para a súa posta en valor. O Plan Especial municipal que se está a redactar facilitará o desenvolvemento e tramitación de ditas actuacións coas que se recuperará, promoverá e difundirá entre veciños e visitantes a riqueza histórico-cultural que existe no Concello da Laracha e que, nalgúns casos, aínda está por descubrir.

15 de febreiro de 2014 | 14:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.