A Laracha e Arteixo solicitan á Xunta a organización dun novo obradoiro de emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaArteixo
A-
A+

Os Concellos da Laracha e de Arteixo continúan cooperando co obxectivo de ofrecerlles novas posibilidades aos seus veciños dirixidas a crear emprego, mellorar a formación e aumentar a súa empregabilidade e, por tanto, as opcións da inserción no mercado laboral.

A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha acordou hoxe presentar á Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia un novo proxecto de obradoiro de emprego ao abeiro da convocatoria de subvencións para o desenvolvemento deste tipo de programas ao longo do ano 2014 (DOG nº 6 do 10 de xaneiro de 2014). O mesmo trámite por parte do goberno local de Arteixo foi realizado no día de onte, delegándose no Concello da Laracha, ademais, o desenvolvemento dos procedementos administrativos que se requiran a partir deste momento.

O proxecto que se presenta á Consellería de Traballo e Benestar denomínase “A Laracha-Arteixo: Colaborando polo emprego II” e propón a posta en marcha de tres especialidades formativas centradas no sector profesional dos servizos socioculturais á comunidade (atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e a dinamización de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil) e de actividades físicas e deportivas (operacións auxiliares na organización de actividades e funcionamento de instalacións deportivas).

Segundo se propón no programa, cada un dos módulos contaría con quince alumnos-traballadores que, unidos ás oito persoas que formarían a dirección, os docentes e o persoal administrativo e de apoio, serían 53 persoas as que os Concellos da Laracha e de Arteixo contratarían durante os seis meses de duración deste obradoiro de emprego, ascendendo o seu orzamento aos 400.000 euros

Cabe salientar que no caso de que finalmente se realice este proxecto, os alumnos que completasen as accións formativas, recibirían o certificado de profesionalidade, título oficial que acredita a cualificación e competencia do traballador na correspondente especialidade cursada.

A excelente experiencia do obradoiro “A Laracha-Arteixo: Colaborando polo emprego”, que se está a desenvolver na actualidade –contando con 24 alumnos-traballadores nas especialidades de atención sociosanitaria a persoas dependentes e de montaxe de instalacións térmicas- levou a ambos municipios a agruparse para deseñar e promover conxuntamente un novo proxecto e, deste xeito, aumentar as posibilidades de obter unha maior valoración e acceder á subvención da Consellería de Traballo e Benestar para o desenvolvemento deste obradoiro de emprego.

6 de febreiro de 2014 | 20:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.