A I Regata Porto de Aguete – Trofeo Setga comeza este sábado na ría de Pontevedra
O Real Club de Mar de Aguete continúa este sábado día 15 a tempada de regatas deste ano coa disputa da I REGATA PORTO DE AGUETE – TROFEO SETGA que estará patrocinado pola coñecida compañía internacional SETGA, empresa de prestixio no mundo do deseño industrial e fortemente consolidada na edición e produción de elementos de iluminación pública, eficiencia enerxética e mobiliario urbano.
A regata novamente vai contar coa fórmula de dúas xornadas, este sábado e o seguinte onde pola noite no transcurso dunha cea farase a entrega de premios. Fórmula esta de dúas xornadas que tanta emoción proporciona sempre como ocorreu fai quince días no trofeo Porto de Marín.
Novamente as clases participantes serán os Cruceiros baixo o Sistema ORC pero xa cos certificados de compensación deste ano; os Clásicos que englobarán todos aqueles que sexan botados fai máis de 30 anos e que irán en sistema JCH e os Mini 23, menores de 23 pés de eslora e que irán en tempo real.
A previsión meteorolóxica para esta primeira xornada parece que dará unha tregua despois do mal tempo previsto para o venres. Iso si, un pouco de choiva ao principio soamente e ventos de 12 a 14 nós do Oeste-Noroeste con algún chuvasco que outro. A hora de saída para esta serie será ás 14:00 horas, e como se prevé mar, é máis que probable que o Comité de Regata prepare un percorrido costeiro cara ao interior da Ría
Entre os participantes, espérase a reaparición do OZOAQUA (IMX 38 – Juan Pérez Olmedo – CN Combarro) e novamente en cómputo xeral o barco a bater tras o visto na primeira serie do ano, vai ser o ENXUTO (First 310 – Pablo Conde – CN Cascais), que probablemente xa non o vai a ter tan fácil coa recuperación vista do PIKO NORTE (Bavaria 32 – José Manuel Castro – RCN Coruña) ou a BILLA (First 27.7 – Francisco Freire _RCM. Aguete)…ou mesmo o MAR DE FRADES (First 31.7 – Joaquin Carneiro – Ro Yatch Combarro) que ten aínda moito que dicir.
Tamén tras a primeira serie do ano víronse barcos que cada día dan máis como son o AGUIEIRA I (Sun Odissey 40 – Celestino Campelo – RCM Aguete), SEBRALA 2 (Bavaria 50 – Magin Froiz – RCN Sanxenxo) ou mesmo o MOFLETE II (Centurion 47 – Antonio Díaz Lorente – CN Combarro) que fixo primeiro en división Regata o primeiro día do ano, ademais do LIMAY (Bramador 34 – José Luís Smith – CN Beluso) ou AQUARI (Oceanis 351- Luís Malvar – CN Beluso) que cada día llo puxeron máis difícil ao SANTIAGO ROMA RIAS BAIXAS (Yatlant 24 – Iñaki Carbajo-CN Beluso) e ao SQÜID (First 235 – Francisco Lusquiños – CN Portonovo).











