publicidade hoxe

A Garda Civil detivo ao presunto autor dun roubo con violencia e intimidación de Vilanova de Arousa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSucesosVilanova de Arousa
A-
A+

A Garda Civil detivo onte ao presunto autor dun roubo con violencia e intimidación que se perpetrou hai dous anos no interior dun domicilio no municipio de Vilanova de Arousa.

As investigacións que posibilitaron a detención de J.E.P.P., de 43 anos, veciño de Vilagarcía de Arousa, forman parte as actividades operativas que está a levar a cabo a Garda Civil nesta provincia para dar unha resposta eficaz e resolutiva que permita erradicar os delitos contra a propiedade que veñen cometendo no interior de vivendas.

Os feitos que deron lugar á detención desta persoa, remóntanse ao mes de abril do ano 2012 cando se ten coñecemento de que nunha vivenda habitada da parroquia de Tremoedo, no municipio de Vilanova de Arousa, cometeuse un roubo con violencia e intimidación, resultando gravemente ferida a única persoa que se atopaba no domicilio.

O morador da vivenda fora obxecto dunha brutal malleira por parte dos asaltantes que, despois de amordazarlo e maniatarlo, asperxérono cun líquido inflamable e prendéronlle lume, tendo que recibir asistencia médica no Hospital do Salnés a consecuencia das lesións graves que lle ocasionaron.

A rápida intervención dos veciños puxo en fuga aos delincuentes, que só puideron apropiarse das xoias e varios reloxos que tiña en casa e, á vez, evitaron un fatídico desenlace socorrendo á vítima.

Por mor da minuciosa inspección técnico-ocular levada a cabo no seu día no interior da vivenda, por efectivos do Laboratorio de Criminalística da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Garda Civil de Pontevedra, puidéronse obter importantes vestixios no escenario dos feitos, que facilitaron a posterior identificación, localización e detención dun dos presuntos autores.

Esta persoa, que ten un amplo historial de antecedentes policiais, fora detida o mes de novembro do ano 2011, xunto con I.L.C.,  veciño de Soutomaior, como suposto autor dun importante roubo no interior dun domicilio habitado  no municipio de Poio. Nesta ocasión interviñéraselle un arma de fogo ilegal (carabina do calibre 22) escondida debaixo dos asentos do seu coche.

Meses despois desta detención (xullo 2013) I.L.C. sería novamente detido por un delito de tenencia ilícita de armas, ao habérselle intervido dous armas de fogo: unha escopeta coa numeración roubada en perfecto estado de funcionamento e unha pistola detonadora, que ocultaba no sistema de ventilación dun garaxe na localidade de Arcade (Soutomaior).

O detido JE.P.P., foi posto onte a disposición da autoridade xudicial competente, que decretou o seu ingreso preventivo en prisión e sen fianza.

13 de febreiro de 2014 | 13:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.