A Galiña Azul de Tui eleva ata 205 as prazas da rede na comarca do Baixo Miño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraTui
A-
A+
Beatriz Mato na visita á escola infantil

Beatriz Mato na visita á escola infantil

A nova escola infantil de Tui, que comezou a funcionar neste curso escolar, ten posto 82 prazas públicas, divididas en 6 unidades, a disposición das familias deste concello, grazas a unha inversión de 730.000 euros.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitou hoxe este centro, que é o primeiro da rede A Galiña Azul do Concello de Tui, e eleva ata 205 as prazas públicas autonómicas na comarca do Baixo Miño, o que supón un incremento do 40%.

Na súa intervención, Mato explicou que a construción desta escola é unha nova proba da aposta por facer posible a conciliación da vida laboral, persoal e familiar, un dos eixos principais do Plan de Dinamización Demográfica, que a Xunta está a liderar de forma pioneira en Galicia.

A rede A Galiña Azul ofrece preto de 8.600 prazas públicas no presente curso, 3.156 prazas máis das que había en abril de 2009, o que supón un incremento do 58%. En total, a rede conta con 147 escolas infantís por toda Galicia, catro delas novas neste curso (Tui, Moaña, Alfoz e Arteixo-Pastoriza).

Obradoiro de emprego

Posteriormente, a titular de Traballo desprazouse ata o obradoiro de emprego que se está a desenvolver nesta localidade e no que están a participar 22 alumnos cunha inversión de 200.000 euros.

Mato apuntou que esta iniciativa ofrece numerosas vantaxes aos seus alumnos. En primeiro lugar, o máis importante é que lles permite acceder a un posto de traballo. Simultaneamente, ofrécelles unha formación teórica e práctica de calidade, e, ademais, leva aparellada a realización de obras ou servizos de interese para a Comunidade.

Nesta ocasión, o obradoiro céntrase nas especialidades de albanelería/cantería e carpintería, montaxe e instalación de mobles, e vai permitir levar a cabo a segunda fase da rehabilitación da antiga escola de Chans. A primeira fase de dita rehabilitación desenvolveuse ao abeiro do anterior obradoiro de emprego que Traballo financiou en Tui na convocatoria 2012-13 (32 alumnos, 280.000 euros de investimento).

O obxectivo final da rehabilitación é utilizar as instalacións como viveiro de empresas. O edificio vai acoller sete locais dirixidos a favorecer as iniciativas dos emprendedores do concello, ofrecéndolles un despacho onde iniciar a súa actividade.

Mato lembrou que actualmente hai en marcha un total de 50 obradoiros por toda Galicia, cun investimento de máis de 9,5 millóns de euros e preto de 1.300 beneficiarios. Na provincia de Pontevedra, os obradoiros en marcha son 13, con 287 alumnos e un investimento de máis 2,5 millóns de euros.

Así mesmo, Mato indicou que a principios de xaneiro publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde que regulará estes programas mixtos en 2014, que contará cunha dotación de 10,2 millóns de euros, cos que está previsto pór en marcha 50 novos obradoiros.

Por último, a titular de Traballo referiuse tamén ao apoio do departamento ao cooperativismo con iniciativas como a rede Eusumo que “constitúe unha ferramenta esencial para o desenvolvemento presente e futuro da economía social en Galicia” e que entrou en vigor en 2012. Desde entón teñen nacido 54 cooperativas posibilitando a creación de 178 empregos directos, unha delas na Guarda.

No marco de Eusumo, Traballo colabora con outras máis de 60 administracións, entidades e organismos, co obxectivo de ofrecer información, formación, orientación e asesoramento a todos os que desexen achegarse ao mundo cooperativo e entre elas atópase a Cámara de Comercio de Tui, dende que no pasado mes de xullo se asinou o seu convenio de adhesión á Rede.

5 de febreiro de 2014 | 13:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.