A Fundación lembra ao Arosa que o convenio obriga ao club a repoñer o tepe do campo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A obriga de repoñer o tepe do céspede do campo da Lomba despois de cada adestramento e partido corresponde ao Arosa S.C, segundo se recolle no convenio en vigor asinado no seu día pola Fundación de Deportes e a entidade para regular o uso das instalacións deportivas municipais por parte do club. Esta é a resposta que a Fundación que preside Elena Suárez ven de remitir por escrito ao Arosa despois das declaracións realizadas a través dos medios polo presidente do club nas que reprochaba ao organismo non levar a cabo estas tarefas de mantemento do campo.

O convenio recolle na cláusula 6, apartado b.1 que “no que respecta ao terreo de xogo, o club cumprir coas seguintes tarefas: a reposición do tepe, despois de cada uso”.

Dado que o club tamén se queixara de falta de limpeza nos aseos, a Fundación tamén lle lembra ao Arosa o artigo 6.2 do convenio no que se concreta que “O mantemento e limpeza das instalacións sinaladas na cláusula segunda* correrá a cargo do Club Arosa S.C. conforme as obrigas que a continuación se indican: a) A limpeza e mantemento ordinario da devandita instalación deberá realizarse alomenos despois de cada uso por parte do devandito club e cando sexa necesario, respectivamente”.

Estes artigos refírense ás instalacións citadas na cláusula segunda do convenio e que son “Terreo de xogo, graderíos, vestiarios local-visitante, aseos públicos, local social, planta primeira e un dos cinco locais da planta baixa e local destinado a bar”.

Por outra banda, persoal da Fundación comezou esta mañá a retirar a cal do céspede da Lomba e a acondicionar o terro de xogo con labores de drenaxe e picado. Para que o campo estea dispoñible mañá pola noite para o adestramento do club, o Concello reforzará aos dous operarios da Fundación con outros dous do Servizo de Medio Ambiente que traballarán no campo durante toda a mañá. Pola tarde enviarase a dous traballadores da Brigada para rematar os traballos que poidan quedar pendentes.

19 de febreiro de 2014 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.