A Fundación de Deportes vilagarcián somete a estudo as bases das convocatorias das subvencións
A Fundación Municipal de Deportes iniciou o proceso de revisión das base das dúas liñas de subvención que convoca anualmente a entidade. En cumprimento do acordo adoptado no seo do Consello Reitor, onte reuniuse a comisión especial constituída para o estudo das bases co obxecto de reunir nun borrador as propostas realizadas a través do Consello Consultivo e por parte dos clubs co obxecto de actualizar o documento. Os borradores someterase a debate e a decisión definitiva do Consello Reitor que se convocará de forma extraordinaria en febreiro para axilizar as convocatorias das axudas correspondentes ao ano 2013.
A Comisión especial está composta por cinco membros do Consello Consultivo, máis a concelleira de Deportes e presidenta da Fundación e o director de actividades. Ademais da proposta do propio Consello Consultivo, a comisión recolleu no borrador as achegas realizadas por 3 clubs dos 20 inscritos na Fundación e aos que se lles remitiron as bases para que participasen no proceso de revisión.
A meirande parte das achegas presentadas refírense a aspectos formais tendentes a axilizar a tramitación das solicitudes de axuda. Neste senso, propóñense unha maior concreción dos prazos para subsanación de erros na documentación, co obxecto de non dilatar as resolucións; e tamén unha maior especificación dos requisitos da documentación xustificativa dos gastos.
Outra das modificacións propostas nas bases para a organización de eventos é a inclusión das pólizas de de responsabilidade civil como concepto de gasto subvencionable.
A presidenta da Fundación convocará en breve unha reunión extraordinaria do Consello Reitor para aprobar as bases de ámbalas dúas liñas de subvencións e poder abrir as convocatorias canto antes. Con isto preténdese que os clubs poidan tramitar as súas solicitudes semanas antes que o que viña sendo habitual aspecto que, sumando ás modificacións que incluirán as bases para axilizar os trámites, facilitará que as entidades poidan cobrar antes as axudas que finalmente sexan concedidas.
A Fundación de Deportes dispón de 80.000 euros para financiar as subvencións ao Deporte Federado e 15.000 para as axudas á organización de eventos deportivos, cantidades similares ás de o exercizo anterior.











