A Feira das Oportunidades de Carballo cumpre seis anos ofrecendo produtos de calidade con descontos de ata o 80%
Unha carpa no Parque do San Martiño acolle a fin de semana do 8 e o 9 de marzo a VI Feira das Oportunidades, unha cita que congrega a máis de 30 establecementos comerciais do municipio que poñen á venda excedentes de tempada, moi por debaixo do prezo de mercado pero cunha excelente calidade e co prestixio engadido do comercio carballés, xa que nesta cita só participan establecementos do municipio que sexan socios do CCA. Segundo explica a xerente do Centro Comercial Aberto, María del Carmen Freire, os descontos van “do 50 ao 80 por cento” e subliña a grande “variedade” dos produtos, que na maioría están relacionados coa moda, pero que tamén inclúen electrodomésticos, agasallos, beleza e benestar ou incluso este ano unha empresa de mandos e portas automáticas. Como cada edición, ademais dos stands propios dos negocios socios do CCA e o da organización, hai un ocupado por La Voz de Galicia e unha área de descanso. Freire quere agradecer a colaboración do Concello e a Dirección Xeral de Comercio por apoiar unha cita cun orzamento de máis de 20.000 euros, xa que grazas ás súas achegas os asociados pasan de pagar 40 ou 45 euros por metro cadrado de stand a pagar 10 euros. Tanto o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, como o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, transmitiron os seus parabéns ao CCA pola iniciativa. Hai que mencionar que a Feira das Oportunidades ten lugar o segundo domingo de marzo para coincidir coa primeira feira do mes e “aproveitar as sinerxías” que se xeran ao manter aberta a carpa e os comercios do centro durante a mañá do domingo, “algo que pensamos que beneficia a ambas partes”, resalta Freire. A xerente engade que o balance de 2013 foi moi satisfactorio, tanto de público como de vendas a pesar de que o bo tempo non acompañou á feira. O horario da carpa, tamén como en anos pasados, é ininterrompido de 10.00 a 21.00 horas. Xosé Regueira espera que esta sexta edición da feira cumpra unha dobre función. Por unha banda “dar saída ao stock” a axudar en moitas ocasións aos comercios “a reflotar a tempada”. E por outra, para que “nestes momentos de crise de consumo moitos produtos se fagan máis alcanzables para as economías familiares”. Por último, Evencio Ferrero gabou o dinamismo, as iniciativas e a vitalidade do comercio de Carballo, que contribúen a manter a vila como referente na comarca, e desexou que “sexa mellorado o éxito do ano anterior”.











