A Fábrica de papel de Rodís acolle a XV Matanza Tradicional do porco de Lalín
A parroquia lalinense de Rodís acolle o domingo, día 9 de febreiro, a partir das 11 da mañá, a “XV Matanza Tradicional do Porco de Lalín” que se celebra todos os anos nas semanas previas á celebración da Feira do Cocido de Lalín que este ano terá lugar o 23 de febreiro.
A Matanza tradicional do porco recrea os traballos en torno ao sacrificio do porco tal e como ser facía antano e como mandaba a tradición. De feito, tanto os matachíns como os axudantes e as mulleres, van ataviados ao estilo de mediados ou principios do século XX e recrean o traballo tal e como se faría, chamoscando con carqueixa ou con pallas, cortando e facendo os chourizos a man, ou reverdecendo tradicións como o ofrecemento de viandas e bebidas ao longo de todo o proceso.
Unha recreación etnográfica que cada ano gaña máis adeptos e que o ano pasado recibeu a perto de un milleiro de persoas que se interersaron por esta recuperación da tradición.
Para facilitar o seguemento dos traballos da matanza para aqueles máis novos ou os que non están familiarizados con estes traballos, o xornalista Manuel Vilariño acompañado de Javier Blanco, encargaranse de ir contando e narrando os distintos procesos e comentando curiosidade da tradición.
A maiores da matanza do porco, as mulleres e os homes da parroquia recrearán outros traballos como a elaboración de postres típicos, a elaborción dos chourizos, a feitura do pan ou outras moitas tarefas cotiáns do rural.
Ao tempo que se reproducen os traballos, os veciños da parroquia prepararán para os visitantes produtos derivados do porco que prepararán nas parrilas habilitadas a tal efecto.
Como todos os anos, a Matanza Tradicional do Porco celebrarase nun encrave singular. Así, se o ano pasado tivo lugar ao pé do santuario de O Corpiño, este ano será na parroquia de Rodís, ao pé dunha antiga Fábrica de Papel que estivo operativa entre o ano 1850 e principio do século XX.
Precisamente, boa parte da recreación dos traballos realizaranse no que eran os antigos fornos da fábrica de papel nunha curiosa construcción anexa con dúas grandes chimeneas e curiosos fornos de pedra.
Como o ano anterior, colocarase unha carpa anexa a Fábrica de Papel que acollerá todo o proceso da matanza en caso de que as inclemencias do tempo non permitan facela no exterior.
Esta Matanza Tradicional é un dos eventos con máis raigame dos que se celebran aparellados á Feira do Cocido e que foi gañando auxe co paso das edicións.











